Rematou o VII Encontro Internacional na Galiza Imprimir
Escrito por Administradora   
Luns, 20 Outubro 2008 00:00

Rematou na tarde de onte o VII Encontro Internacional das Mulleres celebrado na Galiza. Atrás quedan as xornadas de debate por rexións e por áreas de acción, até que as conclusións tomaron forma dunha convocatoria para a acción global no 2010  na rexión dos Grandes Lagos en África, simultaneada con accións locais no resto do mundo e organizadas en cada rexión.

De este VII Encontro emanaron a partir dunha redacción consensuada, varios documentos, de entre os que destaca o Informe de Europa focado sobre o tema da  crise financeira que se está a dar no mundo. Tamén se realizou a presentación do libro da Marcha Mundial das Mulleres, comemorativo dos 10 anos de historia, e publicado nos idiomas que utiliza a Marcha.

O foro de Soberanía Alimentaria e a Feira que tiveron lugar durante o fin de semana, foron acontecementos que arrouparon e complementaron o Encontro, e polo seu carácter público conseguiron sumar a cidadanía galega ao proxecto de soberanía alimentaria compartido pola Marcha Mundial das Mulleres con moitos outros colectivos sociais galegos.

A Manifestación do domingo polas rúas de Vigo trouxo milleiros de persoas á Marcha, organizadas en torno ao movimento feminista, representacións de todas as partes do país acompañaron o proxecto do feminismo internacional, e numerosas organizacións mixtas apoiaron esta mobilización galega e internacional.

Última actualizaciónfeita en Martes, 21 Outubro 2008 08:42