Cambiar o mundo para cambiar a vida das mulleres, cambiar a vida das mulleres para cambiar o mundo
| Encontro Internacional, venres 17 de Outubro, Panxón |
|
|
|
| Escrito por Administradora |
| Sábado, 18 Outubro 2008 00:00 |
![]() Na xornada de traballo do Venres 17 de Outubro, que foi plenaria, e que tiña como finalidade definir as accións para o 2010, data de celebración da Acción Global para o 17 de outubro de 2010. Tras facer unha síntese das propostas que xurdiron nos grupos de traballo reunidos territorialmente, por rexións, e por campos de acción nos días anteriores, as mulleres foron tomando a palabra. Os temas que xurdiron en relación coas accións son:
A necesidade de crear unha imaxe común de todas as mulleres da Marcha que fortaleza a nosa identidade como Marcha Mundial das Mulleres, para nós mesmas e para o exterior, cos valores que a definen: Igualdade, Liberdade, Paz, Xustiza e Solidariedade. Así algunhas delegadas propuxeron a creación dun vestido, que se vai intercambiar e que demostre a internacionalidade da Marcha, a súa diversidade e a unidade a través dunha imaxe común que terá utilidade para realizar un traballo de educación popular a través da realización de obradoiros de creación desa obra común en forma de vestido. A acción Global para o 17 de outubro do 2010 que ten como principal obxectivo fortalecer a solidariedade internacional –estemos sempre alerta sobre o que lles pasa ás outras mulleres- consensuouse para xirar en torno á paz e a desmilitarización, coa presenza implicita dos demais campos de acción, porque as guerras empobrecen ás mulleres, facilitan que as grandes potencias se apropien dos recursos e do seu control, provocan a violencia contra as mulleres e a violación é utilizada como unha arma de guerra, e crece a manipulación dos fundamentalismos relixiosos. Por padeceren tantos países conflitos bélicos, algúns moi alongados no tempo, outros esquecidos, foi dificultoso escoller cal podería ser o país para a realización desta acción. Zimbawe, Palestina, Irán, Afganistán, Sudáfrica, Paquistán, Iraq, Bangladesh, Colombia, Bolivia, República Democrática do Congo, México e Turquía, foron os países nomeados. As razóns que finalmente pesaron na escolla da República Democrática do Congo foron moitas, mais fundamentalente pesou o feito de que esta acción de solidariedade tería que ter un resultado palpable canto á mellora das condicións de vida das mulleres do país. A violencia que sofren estas mulleres é diaria, sendo espidas e violadas na súa propia casa e nas rúas. Neste país son as armas as que gobernan incluso nas casas. Ademais da acción global, pola dificultade para o desprazamento de moitas delegadas a África, por razóns económicas e de visados, faranse tamén accións simultáneas en todo o mundo, aínda que en todas elas se terá presente o país en conflito escenario da acción global. |
| Modificado o ( Luns, 20 Outubro 2008 11:17 ) |