ACCIÓN 26 DE XUÑO 2015 - VIGO: ORGULLO LGTBI Imprimir
Escrito por Marcha Mundial das Mulleres na Galiza   
Sábado, 27 Xuño 2015 14:58
Co gallo da celebración do 28 de xuño Día Internacional do Orgullo LGTBI,  a Coordenadora Local da Marcha Mundial das Mulleres de Vigo sumouse á festa cun acto de rúa, elaborando un tapiz sobre o chan con
materiais naturais, o venres 26 de xuño na Praza da Pedra.

As mulleres da Marcha Mundial das Mulleres seguimos en marcha por un mundo libre de violencias, odio e discriminación por mor da orientación sexual e a identidade de xénero, celebrando o día do Orgullo como da liberación. Liberarse do medo, da vergoña saíndo a rúa e, ondear ao vento a bandeira que pinta o aire que respiramos coas cores vermello, laranxa, amarelo, verde, azul, lila do verán que comeza a satisfacer a pel acariñada. Cores diversas como diversas e múltiples son as persoas e as relacións-afectivas-sexuais.

O día do Orgullo é unha homenaxe as persoas presentes nas revoltas de Stonewall (Nova Iorque,1969) que cansas de sufrir ataques a súa dignidade fixeron fronte a represión policial converténdose para as persoas LGTBI sinónimo de loita, rebeldía, unha revolución nacida para provocar, para amolar ao poder.

A día de hoxe en certos países a vida das persoas LGTBI tenden a ser un pesadelo por atreverse a seguir o máis básico dos instintos humanos, buscar afecto, amor, intimidade.
Os gobernos de todo o mundo despregan gran variedade de leis e prácticas represivas para privar ás lesbianas, gais, bisexuais, transexuais, intersexuais da súa dignidade, e negarlles os dereitos básicos:

Represión que vai dende a cárcere en virtude de leis que non respectan a intimidade e converten un bico nos espazos públicos en delito.
Torturas polo o que consideran comportamentos desviados e as violacións para a súa cura.

Asasinatos a mans dos Estados por considerar as persoas LBTBI ameazas para a sociedade, un pecado ou unha traizón á cultura imperante. Unha cultura que pasa de xeración en xeración sustentada en piares patriarcais como a familia, as igrexas e os seus dogmas, os poderes do Estado, os medios propagandísticos.... que poñen os mecanismos de control, censura e represión social.

O feminismo é a loita no día a día por un gran cambio cultural que cimente as bases dunha nova sociedade antipatriarcal. Para ese cambio temos que cuestionarmos e revisar os nosos condicionamentos sociais e culturais que están na base da educación. Compre unha educación baseada no respecto das persoas máis alá do xénero, raza, clase e opción sexual.

A Marcha Mundial das Mulleres quere facer un recordatorio aos Estados e aos seus gobernos que cada vez somos máis e que non imos permitir represións nin violencias nin leis que induzan ao engano e abran horizontes carentes de garantías, de protección ou non visibilizen a diversidade afectivo-sexual e que só sexan documentos propagandísticos.


Última actualizaciónfeita en Sábado, 27 Xuño 2015 15:09