A VIOLENCIA É UN PROBLEMA DE TOD@S Imprimir
Escrito por Marcha Mundial das Mulleres na Galiza   
Domingo, 10 Maio 2015 15:50

COMUNICADO DA COORDENADORA DE VIGO DA MMM EN REPULSA ASASINATO MACHISTA DE MARÍA ISABEL

Estamos aquí reunidas e reunidos unha vez máis para visibilizar a nosa repulsa contra a violencia machista ao contar cunha nova morta en Galiza. María Isabel Fuentes Fernández, de 66 anos e veciña de Verín.

Unha morta máis a mans do seu home, a primeira deste ano 2015 en Galiza, parecen dicir de xeito complacente as e os locutores dos diferentes medios, con tranquilidade, como si parecera que este mal, xa que non pode ser arrincado de raíz, polo menos que cause o menor número de mortas posibles.

As persoas que estamos hoxe aquí, sabemos que é a primeira vítima galega pero non para nós, porque non queremos que María Isabel pase a formar parte dese sin fin de números que son as estadísticas do feminicídio sen máis.

María Isabel puido ter sido calquera das que hoxe estamos aquí, pero ela é unha vítima da violencia machista que pagou coa súa vida a discriminación e a desigualdade que padecemos todas, porque a violencia machista non remata no reconto das víctimas mortais.

Asístimos agora e coma sempre, a como os medios de comunicación, institucións e sociedade en xeral, centran a súa atención debates superfluos entre organimos que tentan exculparse neste crime, cando a mesma debería de estar posta na víctima e nas mulleres, que pese a gozar dunha lei que formalmente as ampara, unha e outra vez vemos como as desprotexe; pois as administracións non poñen os medios nin os esforzos necesarios para que así sexa.

Afortunadamente, actualmente xa se comeza a falar, porque parece que xa se decataron, de que as criaturas de nais que sofren violencia tamén son vítimas. Non sabemos como dixerirán o de violencia doméstica no ámbito hospitalario, ¿Axudaralles esto a ver que é unha violencia que vai máis alá da casa?, ¿que é estrutural?.

De verdade que non se ve?, de verdade que precisan de anos de actos de repulsa e denuncias para non ver o que pasa? ou é que os gobernos que temos, queren recrearse no diágnostico, reformulando conceptos, refacendo leis, todo para que non se note a total desprotección na que quedamos as mulleres con políticas de recortes para servizos sociais, entendidos estes do xeito máis amplo e diverso posible, dende a atención sanitaria primaria ata a continua violencia transmitida minuto a minuto nos medios de comunicación, nos actos públicos, na publicidade, no ámbito académico, etc.

Con todo, compañeiras e compañeiros aquí estamos e aquí seguiremos. Onte e hoxe son días tristes para moitas de nós, algunhas suspendemos actos públicos en sinal de protesta, outras tivemos que tirar e ir traballar cos puños apertados e cun nó na gorxa unha vez máis, pero dende a Marcha Mundial das Mulleres queremos aproveitar esta ocasión para reclamar unha maior implicación de toda a sociedade civil nos actos de campañas políticas e electorais na demanda de solucións a un problema que non dí nada bo de nós como sociedade e que de non solucionalo dunha vez por todas, corremos o risco de que empeore.

Nós sempre o tivemos claro, sen políticas claras e decididas, que condenen dunha vez por todas as institucións que a día de hoxe aínda nos tratan como cidadanía de segunda clase, institucións nas que aínda a día de hoxe non somos tratadas como iguais non solucinaremos o problema.
Última actualizaciónfeita en Domingo, 10 Maio 2015 15:53