APOIO ÁS XOGADORAS DO CLUBE LEIS 26 FUTBOL SALA. FÓRA MACHISMO DO DEPORTE Imprimir
Escrito por Marcha Mundial das Mulleres na Galiza   
Martes, 23 Decembro 2014 12:14
APOIO ÁS XOGADORAS DO CLUBE LEIS 26 FUTBOL SALA
FÓRA MACHISMO DO DEPORTE

O pasado mes de novembro tres xogadoras do Club Leis 26 de Fútbol Sala de Pontevedra rachaban co seu silencio e denunciaban nos medios de comunicación e no xulgado o trato denigrante e vexatorio por parte do Presidente do devandito Club, José Antonio Nieto San Juan.

As tres xogadoras relataban como este home durante 15 longos meses, valéndose dunha posición de superioridade ­amparada no seu cargo dentro do Club­ as trataba dun xeito denigrante, vexatorio e humillante de forma continua; insultábaas chamándoas putas ou lesbianas; provocaba situacións incómodas ás xogadoras ­raianas no acoso sexual­ buscando encontros illados e individuais con elas; mandáballes mensaxes a horas intempestivas, moitas veces con alto contido erótico e sexual.

Estes feitos desencadearon o medo, a inseguridade e o menoscabo na súa integridade moral e psíquica ata que acordaron denunciar tales feitos e foron expulsadas do Club, xunto co seu adestrador e catro directivos.

As mulleres Marcha Mundial das Mulleres, cheas de rabia ao coñecer un novo caso de violencia contra as mulleres, esta vez no ámbito deportivo quere denunciar esta situación e amosar o noso apoio a estas xogadoras.

Non podemos consentir que unha vez máis as mulleres deportistas teñan que aturar un trato vexatorio e situacións de acoso, e que non sexan recoñecidas como profesionais dentro do mundo do deporte.

Esiximos as autoridades da Federación Galega de Fútbol, Secretaria Xeral de Igualdade e Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, que se tomen as medidas oportunas para denunciar, sancionar e afastar ao Presidente do Club Leis 26 de Fútbol Sala de Pontevedra.

Lembrámoslle aos responsables deportivos e políticos que o Código de Ética Deportiva da UNESCO establece que as organizacións deportivas teñen a responsabilidade de velar pola implantación de garantías no contexto dun marco xeral de apoio e protección a menores, novas e mulleres, con obxecto de protexer do abuso e acoso sexual aos grupos antes mencionados.

É absolutamente inadmisible que unha persoa, amparándose na súa posición de poder como presidente dun club deportivo, leve a cabo actuacións de acoso sexual e trato vexatorio, tanto en espazos públicos como privados, e resulta sumamente grave que as autoridades pertinentes non tomen medidas inmediatas.

Chamamos as xogadoras e xogadores doutros clubs deportivos a manifestarse en contra do machismo e a discriminación dentro do deporte.
Non poderemos conseguir a igualdade no deporte si consentimos que condutas discriminatorias e machistas sigan permitíndose dentro do ámbito deportivo.

Última actualizaciónfeita en Martes, 23 Decembro 2014 12:55