Acción contra os asasinatos machistas Imprimir
Escrito por Administradora   
Mércores, 30 Abril 2014 17:07

Dende a coordenadora local de Ourense da Marcha Mundial das Mulleres achegámonos unha vez máis ata a Castañeira, xunto á Subdelegación do goberno, para que a súa figura sexa o altofalante da nosa raiba contra este novo asasinato e invitamos a toda a cidadanía a ocupar espazos públicos contra a violencia machista.

Reclamamos o noso dereito a, a partir de agora, cada vez que unha muller sexa asasinada no noso país achegarnos a esta estatua para facer visíbel a nosa repulsa, o noso rexeitamento a unha violencia que non é individual e non é illada senón que fai parte das bases da organización desta sociedade patriarcal.

Reclamamos a esta sociedade que deixe de tratar os casos de violencia machista, nomeadamente os asasinatos, como unha cuestión individual ou a consecuencia do comportamento de individuos que perden a razón, teñen problemas nas súas relacións, son ciumentos ou teñen comportamentos violentos. Trátase dunha cuestión estructural que ten a ver con como se organiza a sociedade en que vivimos e é dende aí dende donde hai que mudar as cousas. Xa basta de violencia machista, nen un asasinato machista máis sen resposta.

Falan as estatuas e falarán os muros, sairemos á rúa reivindicar que non queremos máis actos de homenaxe ás nosas mortas e que temos dereito a vivir sen violencia!

asasinatomachista_30abril.jpg

 

Última actualizaciónfeita en Luns, 19 Maio 2014 09:16