Concentración en Ourense contra o asasinato de Maria Elena Rodriguez Quiroga Imprimir
Escrito por Administradora   
Martes, 29 Abril 2014 11:15

Para moitos somos números, somos para eles no día a día dunha vida que vai depresa pouco máis que números... somos un 34 sobre un 2014... un problema que encontra acubillo un día nunha sección de sucesos, unha mera información puntual que nen sempre se dá completa... moitas non temos nome, outras non se sabe onde pasamos o último día das nosas vidas, de algunhas ninguén conta cómo nos arrancaron a vida, de outras apenas o desgarrador momento en que pasamos a facer parte dese número...

Mas somos mulleres, somos mulleres e asasinannos polo mero feito de selo, porque todas as violencias que se exercen contra nós cada día acumulanse de tal xeito que chega un momento en que resulta extrema, un momento en que o único xeito de control é aplicar a peor, a máis intensa, a definitiva: o asasinato.

Non somos casos aillados, somos víctimas dunha estructura social na que as múltiples violencias que sufrimos atopan cada día aliados e cohartadas que as convirten en invisíbeis. Alianzas que as xustifican, situacións nas que se minimizan e cohartas que as desculpan.

Non somos casos aillados, somos víctimas dunha estructura social na que as relacións non se dan entre iguais senón a través de xerarquías, de posicións desiguais nas que polo mero feito de ser mulleres estamos situadas do lado de quen sufre a violencia, de quen a padece e de a quen finalmente segan a vida no acto de maior brutalidade machista que é o asasinato.

Non somos casos aillados, somos víctimas dunha estructura social na se pretende controlar a nosa forma de vivir, os nosos corpos, os nosos desexos, as nosas relacións... as nosas vidas.

Non somos casos aillados, somos víctimas dunha estructura social que non reacciona, que non reacciona ante 34 asasinatos en 4 meses, que non é capaz de mirarse ao espello e ver que mentres se dé menos valor ao traballo que realizamos, se nos negue a identidade e a liberdade para vivirmos como queremos, se nos eduque diferente en función do noso xénero, se nos asigne un papel social determinado en función do noso xénero ou se constrúan as relacións afectivas dende o poder do masculino sobre o femenino non acabarán os asasinatos machistas.

Somos Nuria, Adela, María, Patricia, Silvia, Aránzazu, Mercedes, Ana, Eugenia, Josefa. Fátima, Marisa e fumos degoladas, estranguladas, asasinadas dun disparo, dun golpe na cabeza, calcinadas, acoiteladas... Somos MARÍA ELENA RODRIGUEZ QUIROGA, veciña de Foz (Lugo) á que amordazaron, taparon a cabeza e dispararon este 24 de abril de 2014, foi o seu home, foi unha estructura social que durante toda a súa vida exerceu todo tipo de violencias contra ella... Somos todas as mulleres ás que cada día discriminan, desvalorizan, presionan, agreden, abusan e asasinan... non permitas que sexamos tamén silenciadas.

Ourense, 28 de abril de 2014