Roteiro en feminino polas rúas da zona histórica de Ourense Imprimir
Escrito por Administradora   
Xoves, 23 Agosto 2012 10:42

Fonte: Tempo de Lecer

Homenaxear ás mulleres "ás que nunca, ninguén, lles fai unha homenaxe", segundo sinala Ximena Mariel González, da Marcha Mundial das Mulleres. Este foi o obxectivo fundamental do Roteiro en Feminino, unha actividade organizada polo citado colectivo que se desenvolveu este mércores no Casco Histórico de Ourense dentro da programación Veranearte 2012, dos colectivos EsCuA. Os participantes na iniciativa percorreron distintos espazos da zona histórica lembrando mulleres que contribuíron a construír a historia desta cidade e deste país e das que, segundo os organizadores da iniciativa, "apenas nos ten chegado información".

O roteiro comezou ás nove da noite nas Burgas e continuou polo Rianxo, a Alameda, a Catedral, o Teatro Principal, a Praza das Mercedes, a Praza do Trigo, a rúa Hernán Cortés e a rúa Liberdade, para rematar na confluencia entre as prazas de Saco e Arce e Manuel Sueiro. Un percorrido con once paradas e no que soaron os nomes e as historias de mulleres como Concepción Arenal, Jesusa Prado López, Milagros Cid Fernández, "A Milo" -coñecida como "A Bruxa do Principal" soamente porque vivía soa e era unha muller sen recursos-, a intérprete de jazz e pedagoga Sally Albaugh, María Paz del Valle -perseguida e asasinada no ano 1937, un ano despois que o seu fillo-, Concepción Ramón e Antonia Ortiz Currais, entre outras. Entre os aspectos interesantes que se explicaron cabe subliñar o feito de que Ourense foi a primeira provincia que levantou unha estatua co nome de muller, a de Concepción Arenal, inicialmente na Alameda.

Ximena Mariel González sinalaba no comezo do roteiro que a iniciativa quería ser "unha homenaxe a todas as mulleres que viviron nestes espazos e das que queremos ser herdeiras". Con ela coincidía Lucía Cedrón, que subliñaba a importancia e a novidade de organizar en Ourense un roteiro en feminino, "co que queremos visibilizar, por en valor e recoñecer o labor e o traballo que levaron adiante estas mulleres e co que contribuíron a fornecer a identidade da nosa cidade e a nosa propia identidade como ourensáns".

As fontes de información

Lucía Cedrón comentaba para Tempo de Lecer as enormes dificultades que atoparon dende a organización do roteiro para conseguir documentación sobre estas mulleres. Para iso consultaron a prensa, accederon a fontes bibliográficas e rastrearon no programa de radio "O cronista da cidade", que dirixía Anselmo López Morais en Radio Ourense. Nesta pescuda atoparon "que a información é moi escasa e mesmo ás veces contradictoria, e isto é así porque a repercusión da actividade da muller na sociedade é moi pequena".

Por iso, unha das fontes máis importantes que consultaron foron os familiares de moitas destas mulleres, que coñecen ben as súas historias de traballo e de loita e que amosaron a súa disposición a colaborar na iniciativa. Mesmo algúns participaron tamén no roteiro. "Os descendentes e moitas persoas que coñecían a estas mulleres permitíronnos completar as súas biografías con datos novidosos e reais", explican.

Con todo, as organizadoras deste Roteiro en Feminino recoñecen que quedan aínda moitas mulleres por descubrir, pioneiras que destacaron nas súas profesións e nas súas vidas como exemplos a seguir polas xeracións vindeiras.

FOTOS

Nos Meios:

http://www.tempodelecerourense.com/novas/consultar/365

http://www.farodevigo.es/portada-ourense/2012/08/23/ruta-feminista-casco-viejo-rinde-homenaje-mujeres-anonimas/676367.html

http://ourensedixital.com/_novas/12/08/22_03.htm