Crónica da palestra en defensa do dereito ao aborto en Ourense Imprimir
Escrito por Administradora   
Venres, 22 Maio 2009 00:23

O pasado día 18 de maio tivo lugar na Casa da Xuventude de Ourense a palestra-coloquio "Co aborto, eu decido" na que participou connosco Celsa Perdiz (asistenta social do Centro de Orientación Familiar de Ourense).

Nun primeiro lugar proxectouse o documental "Mai por escolla, non por obriga", de Dorothy Fadiman, que, ainda que narra a historia da loita polos dereitos reprodutivos nos Estados Unidos, reflicte dun xeito bastante claro diversos aspectos que estamos a traballar na nosa campaña nacional. A continuación, Celsa Perdiz fixo un percorrido da situación do aborto na Galiza -dende a legalización da pílula ata a actualidade-, que axudou a ter unha perspectiva bastante clara da evolución acontecida neste tema.  Seguidamente presentamos a publicación e compartimos coas persoas que asistiron ao acto as nosas impresións ao respecto e o contido deste material.

No coloquio falouse dalgúns dos puntos que constan no anteproxecto de lei, como son o período de reflexión de 72 horas para a muller que decide abortar e a obxeción de conciencia; tamén houbo oportunidade de debater sobre as implicacións que conleva a modificación da lei de aborto e o noso posicionamento dende a Marcha Mundial das Mulleres na Galiza.

Foi moi interesante e positivo escoita-las opinións e dúbidas das asistentes e contar coa experiencia profesional de Celsa Perdiz no ámbito do planeamento familiar posto que mostrou a necesidade que existe de continuar traballando pola consecución das nosas reivindicacións.

Última actualizaciónfeita en Xoves, 28 Maio 2009 21:21