Unha loita incesante contra a violencia machista Imprimir
Escrito por Administradora   
Xoves, 09 Setembro 2010 13:09
A diario e de maneira case invisible, discorre ao noso lado, rózanos, se entremete, nos condiciona e ata determina en tantas e tantas mulleres as nosas arelas e as nosas propias vidas: esa presenza real e inimiga é o patriarcado.

Patriarcado como orde social que fundamenta a dominación, a explotación e a violencia sobre todas nós, con independencia da fortuna da nosa condición persoal. Neste eido cómpre non se deixar seducir pola ilusión persoal de que non nos vai a afectar a nós. A todas nos afecta directa ou indirectamente.

Sexa na situación do mercado de traballo ( maiores índices de paro, máis precariedade, menores salarios, asemade de teitos de cristal nas nosas carreiras profesionais ), sexa nas tarefas cotiás nas que seguimos a empregar tempos que triplican ou cuadriplican ás dos nosos compañeiros, ou na cosificación que a sociedade fai de nós ao tratarnos como obxecto de posesión, como reclamo publicitario, como mercaduría sexual...

O patriarcado é un problema social que impón límites insuperables á liberdade das mulleres e polo tanto, ao exercicio dos nosos dereitos democráticos. É, sen dúbida, un aliado estrutural da globalización capitalista, que entende as mulleres como man de obra máis barata e como obxectos susceptibles de ser tratados nos mercados infamantes da prostitución.

Dende onte, é Montserrat Labrada a muller que sae do anonimato para entrar na listaxe interminable, das mulleres asasinadas pola violencia machista; esa violencia que non atura o voo libre da nosa vontade e coñecemento, para reducírmonos á condición de posesión, de obxecto que non ten vida, nin desexos e nin esperanzas propias.

A distancia que vai dunha legalidade formal de igualdade a unha realidade material de discriminación e violencia, esixe un combate sostido, sociais, os intereses económicos, e as compracencias e indeferenzas de demasiadas administracións públicas, que aceptan como feito natural a nosa subordinación social.

Unha sociedade vale tanto como a súa capacidade para producir unha convivencia xusta e igualitaria. Na medida en que a realidade desminta ese imperativo de igualdade e xustiza, non haberá outra esixencia cívica que a de cambiar esa realidade. Na actualidade, nas nosas sociedades, na sociedade galega en concreto, existen actitudes sistemáticas de violencia, material, física e simbólica exercida contra as mulleres. O movemento feminista é o suxeito central nesa loita, coñecedor de que os dereitos e liberdades se gañan nese combate, en modo algún son regalados por ninguén.

A superación desa triple actitude de violencia contra a muller esixe de nós, de todas nós - e de todos os compañeiros que nos queiran seguir nesa loita contra a violencia machista -, o compromiso de pelexar nas escolas, nos centros de traballo, nos diferentes movementos sociais, dende os poderes públicos democráticos; nunha pelexa cívica, política e cultural para erradicar unha infamia que nos fire a todas e imposibilita un desenvolvemento social libre. Honrando hoxe a Montserrat afirmamos a nosa determinación de continuar a loita incesante pola emancipación das mulleres ata a derrota das caducas estruturas e relacións patriarcais.

 

FERROL, 27 DE AGOSTO DE 2010

*Texto lido na concentración de repulsa polo asasinato de Montserrat Labrada veciña de lugo e víctima da violencia machista.

Última actualizaciónfeita en Xoves, 09 Setembro 2010 13:13