MarchaMundialdasMulleresnaGaliza

Cambiar o mundo para cambiar a vida das mulleres, cambiar a vida das mulleres para cambiar o mundo

O Dereito a Decidir: Situación Actual e Alternativas à Despenalización PDF Imprimir Correo-e
Escrito por Administradora   
Venres, 03 Abril 2009 13:19

Publicación da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza

A Marcha Mundial das Mulleres na Galiza consideramos o aborto un dereito fundamental que permite a soberanía sobre o propio corpo, garantindo a escolla dunha maternidade desexada e responsábel.

É por iso que denunciamos que hoxe, igual que hai 22 anos, se continua a limitar a liberdade individual e a tomada de decisións das mullerese que o aborto non é aínda unha prestación universal por dereito xa que 95% das interrupcións fanse en clínicas privadas.<

Denunciamos a obxección de conciencia que deixa as mulleres desasistidas sanitariamente e que propicia a indefensión legal das e dos profesionais que realizan abortos así como a intromisión na intimidade e vida privada das mulleres, como puidemos evidenciar no acontecido nas clínicas abortistas en Madrid e Barcelona en finais de 2007 e comezos de 2008.

Denunciamos os grupos conservadores e a igrexa xerárquica que continúan a cuestionar e criminalizar as mulleres por abortar, coa única intención de reforzar e perpetuar a sociedade patriarcal e a desigualdade entre mulleres e homes, pois a opresión da muller foi e continua a ser unha das orixes do seu poder.

Por todo o exposto a Marcha Mundial das Mulleres na Galiza iniciou en Xaneiro de 2008 a campaña polo aborto libre e gratuíto na Seguridade Social, coa recollida de autoinculpacións en que participaron mais de 1500 mulleres e homes do noso país, manifestacións e acto de entrega de autoinculpacións no día 8 de Marzo Día internacional da muller e en que saímos à rúa a pesar da prohibición oficial nalgunha das comarcas galegas.

Continuando con esta campaña e conmemorando o 28 de Maio Día Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres a coordinadora comarcal
da Coruña organizamos un ciclo de conferencias, vídeo-forum e coloquios baixo o título ‘O dereito a decidir: Situación actual e alternativas à despenalización do aborto’. Nas xornadas introducíronse temas tais como a loita polos dereitos reprodutivos e sexuais, a situación actual e redes dos COF (Centros de Orientación Familiar), os aspectos legais do dereito a decidir, e coa colaboración de mulleres representantes do asociativismo e activismo da nosa cidade xerouse un debate sobre as alternativas à despenalización do aborto.

Coa publicación destas xornadas e a súa divulgación totalmente gratuíta tanto en papel como en formato electrónico, pretendemos partillar con todas a información, debate e reflexión que xurdiu dentro da dinámica desta actividade. Consideramos que este material pode axudar a entender mellor o contexto histórico, xurídico e sanitario da actual regularización do aborto e estabelecer as bases para a discusión dentro da sociedade galega das alternativas à despenalización. Para a Marcha Mundial das Mulleres é fundamental deseñar estratexias de presión social e política e encoraxar a participación de toda a sociedade e do activismo galego nestas estratexias.

Até todas as mulleres do mundo conseguirmos a soberanía sobre o propio corpo, nós continuaremos en marcha.

[ Descarga a publicación en PDF ]

Marcha Mundial das Mulleres Comarcal da Coruña

Modificado o ( Venres, 03 Abril 2009 13:28 )
 

Publicacións:

Campaña:

Banner Apoio:



Coloca un na túa páxina web !

Descargas:

Organizacións que integran a MMM:

proximamente

Quen está en liña?

Temos 12 convidadas en liña