Crónica Obradoiro Teatro da Oprimida "Mulleres...vivimos como resistimos" Imprimir
Escrito por Marcha Mundial das Mulleres na Galiza   
Luns, 20 Setembro 2010 17:43

23 Mulleres vindas de diferentes perspectivas vitais e profesionais reunímonos durante 3 días no Centro Cívico de Labañou para participar no obradoiro de Teatro da Oprimida organizado pola Marcha Mundial das Mulleres no pasado mes de agosto.

A través dun proceso de tomada de consciencia sobre nós propias, a nosa relación coas demais e coa sociedade actual en que vivimos, fomos aprendendo da man de Sandra Silvestre,  compañeira da Marcha Mundial das Mulheres de Portugal, a visualizar as opresións que sufrimos as mulleres usando o noso corpo e integrándoo nun espazo de creatividade colectivo que  nos serviu tanto para construír diálogos entre nós propias como coas demais.A convivencia coas compañeiras foi moi enriquecedora e apesares da intensidade do curso conseguiuse unha atmosfera de enerxías compartidas que fixeron desta unha experiencia inesquecíbel.

O obradoiro culminou ca representación de dúas pezas de Teatro Forum intitulado "Mulleres: vivimos como resistimos" sobre as actitudes paternalistas e discriminación laboral e social contra as mulleres novas, e sobre as presións afectivas exercidas pola familia que fan con que moitas veces as nosas propias decisións sexan limitadas. A posta en cena do grupo de participantes no obradoiro como do público que asistiu á representación tiveron unha forza rotunda demostrando que algo se mexe dentro de nós e que precisamos apenas das ferramentas axeitadas para floreza e se accione.

No próximo mes de outubro (data aínda por confirmar) organizaremos a proxección dun documental sobre un grupo de Teatro da Oprimida de mulleres na India e falaremos entre as interesadas sobre posíbeis iniciativas de teatro social na nosa cidade.

Desde a Marcha Mundial das Mulleres na Coruña agradecemos inmensamente ao grupo de TO por participar connosco na concentración do sábado 28 polo asasinato de Montserrat Labrada de Lugo, e por criar unha belísima peza de Teatro Imaxe de grande forza e sentimento sobre a necesidade de unidade e loita das mulleres e de toda a sociedade contra as violencias machistas,.

Galería de imaxes:

Moito obrigadas a todas

Última actualizaciónfeita en Mércores, 06 Outubro 2010 16:29