O Dereito a Decidir. Situación Actual e Alternativas á Despenalización do Aborto Imprimir
Escrito por Marcha Mundial das Mulleres na Galiza   
Xoves, 09 Abril 2009 00:40

‘A modo de dato, segundo recollía a memoria do fiscal do Tribunal Supremo no ano 1964, en España practicábanse naqueles momentos—falo de só uns cantos anos antes do 1978—uns 300.000 abortos clandestinos feitos nas peores condicións sanitarias. Feitos por afán de lucro, e que moitas veces acababan coa vida da muller embarazada. Falo de 300.000 nuns anos, no 1964, cunha política claramente pronatalista, e en consecuencia as familias, evidentemente, tiñan moitos máis fillos que agora. Falamos dunha cifra, 300.000 abortos, que considero exemplifica que os abortos se cometían aínda non habendo unha lei, que para determinados sectores, “anima“ ás mulleres a abortar.’
                 Fragmento de ‘O Direito a Decidir: Situación Actual e Alternativas à Despenalización’

A Marcha Mundial das Mulleres na Galiza iniciamos en Xaneiro de 2008 a campaña polo aborto libre e gratuíto na Seguridade Social, coa recollida de autoinculpacións en que participaron mais de 1500 mulleres e homes do noso país, manifestacións e acto de entrega de autoinculpacións no día 8 de Marzo Día internacional das  Mulleres.
Continuando con esta campaña e conmemorando o 28 de Maio Día Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres a coordinadora comarcal da Coruña organizou un ciclo de conferencias, vídeo-forum e coloquios baixo o título ‘O dereito a decidir: Situación actual e alternativas à despenalización do aborto’. Nas xornadas introducíronse temas tais como a loita polos dereitos reprodutivos e sexuais, a situación actual e redes dos COF (Centros de Orientación Familiar), os aspectos legais do dereito a decidir, e coa colaboración de mulleres representantes do asociativismo e activismo da nosa cidade xerouse un debate sobre as alternativas à despenalización do aborto.
Coa publicación destas xornadas e a súa divulgación totalmente gratuíta tanto en papel como en formato electrónico, pretendemos partillar con todas a información, debate e reflexión que xurdiu dentro da dinámica desta actividade. Consideramos que este material pode axudar a entender mellor o contexto histórico, xurídico e sanitario da actual regularización do aborto e estabelecer as bases para a discusión dentro da sociedade galega das alternativas à despenalización. Para a Marcha Mundial das Mulleres é fundamental deseñar estratexias de presión social e política e encoraxar a participación de toda a sociedade e do activismo galego nestas estratexias.


Até todas as mulleres do mundo conseguirmos a soberanía sobre o propio corpo, nós continuaremos en marcha.

Última actualizaciónfeita en Xoves, 09 Abril 2009 00:51