COMUNICADO DA MMM DE GALIZA NO 24 DE MAIO DIA INTERNACIONAL DAS MULLERES POLA PAZ Imprimir
Escrito por Marcha Mundial das Mulleres na Galiza   
Venres, 22 Maio 2015 20:53

COMUNICADO DA MMM DE GALIZA NO 24 DE MAIO DIA INTERNACIONAL DAS MULLERES POLA PAZ

Aínda que van xa 33 anos dende que se instaurou este día que estamos a reivindicar, seguimos vendo a faciana da violencia dos conflitos armados a diario. Neles as mulleres sufrimos unha dobre violencia, xa que ás agreseións que hai implícitas nas guerras, temos que sumarlle a violencia de xénero. Somos usadas como armas de guerra: somos usadas para matar, usadas para ser violadas e así facerlle dano ao inimigo, xa que nos consideran da súa propiedade.

Un caso actual desta violencia é o das nosas irmás secuestradas por Boko Haram, onde 214 das 293 mulleres que ceivaron están embarazadas. Estas mulleres foron usadas como obxectos sexuais e foron vítimas de todo tipo de agresións e humillacións, mentres a ONU e a Comunidade Europea permanecen impasiveis ante este terrorismo estando máis preocupados por que esas mulleres e criaturas non cheguen as súas costas, botando man, unha vez máis, de todo o seu potencial militar enviando fragatas para protexelas dos que, máis que coma seres humans as tratan coma lixo; no canto de buscar solucións reais: deixar de concebir aos países en conflicto coma un mercado onde saquear materias primas e colocar stocks e novos diseños da súa próspera industria armentística que o único que provoca é avivar a lacra belicosa, deseñada e creada de xeito interesado por parte do capitalismo, patriarcal occidental.

Por estas e por máis razóns é polo que non parece que lles afecte o máis mínimo que só no 2014, Boko Haram secuestrara a 2000 nenas e mulleres.

Pero esta violencia non é a única que se xenera nas guerras, hai outras moitas agresións que nos tocan maioritariamente a nós, xa que non hai que esquecer, por exemplo, que na fuxida das zonas de conflicto, entre o 75% e o 90% da poboación que migra son mulleres e crianzas. Ou que a pobreza xenerada por conflictos armados a sofren, na súa mayoría, as mulleres.

As mulleres feministas e pacifistas mantemos firme a nosa vontade dun desarrme mundial, tanto físico como psicolóxico. Si, queremos tamén a desmilitarización mental da sociedade. Basta xa dese “se queremos a paz, preparémonos para a guerra”. A única loita que aceptamos para conseguir a paz é a resistencia civil activa da poboación contra estes conflictos armados. Animamos e apoiamos que se condeen, que se visibilicen e que se denuncien todo este tipo de violencias.

Por suposto, este cambio pola paz non será posible sen unha feminización que pase por todos os ámbitos, dende o social ata o institucional. Non hai procesos políticos nin sociais de paz se non hai mulleres neles.

Nunca nos cansaremos de reivindicar a paz, de opoñernos á cultura da morte e de berrar contra toda a destrucción que estes conflictos deixan tras de si. Queremos construir, queremos vivir. Queremos a paz.


Marcha Mundial das Mulleres de Galiza