Cambiar o mundo para cambiar a vida das mulleres, cambiar a vida das mulleres para cambiar o mundo
| Coordenadora Europea da Marcha Mundial das Mulleres - Thessaloniki (Grecia) 23, 24 e 25 de Outubro |
|
|
|
| Escrito por Marcha Mundial das Mulleres na Galiza |
| Domingo, 08 Novembro 2009 13:28 |
|
O pasado mes de outubro as compañeiras da Coordenadora Nacional Galega, Tereixa Dacosta, representante europea no comité internacional e membra da coordenadora comarcal de Vigo, e Irene Galván, membra da coordenadora comarcal da Coruña, asistiron á reunión da Coordenadora Europea da Marcha Mundial das Mulleres que tivo lugar en Thessaloniki, Grecia. Nestes tres intensos días mais de 30 representantes europeas falaron sobre a participación da MMM no próximo Foro Social Europeo, a axenda dos movementos sociais para os próximos meses, e a Suíza e a Galiza, presentaron o informe do Comité Internacional que tivo lugar en Quebec o pasado mes de setembro. Este encontro europeo tivo como tema prinicipal a preparación da Acción do 2010 da MMM que se desenvolverá no período entre o 8 de marzo e 17 de outubro do próximo ano. As diferentes coordenadoras participantes na Europa expuxeron as accións que se están a organizar por volta dos catro campos de acción (Ben común e acceso aos recurso, Muller e traballo, Paz e antimilitarismo e Violencia contra as mulleres) nos seus países. Fixéronse tamén propostas para decidir a cidade ou localidade onde realizar a mobilización europea parte desta acción internacional, e comezouse o proceso de formación dunha delegación europea para participar na acción internacional que terá lugar en Sud Kivu (República Democrática do Congo) o 17 de outubro.
En palabras de Tereixa Dacosta “Para a mobilización internacional do 2010, decidimos traballar no Congo, decisión tomada no VII Encontro Internacional da MMM en Galiza o ano pasado. O eixe desta acción é o de paz e antimilitarismo, por ser o campo de acción que mellor recollía as nosas demandas e tamén, porque consideramos, a guerra, como una situación que favorece e fai duradeiros todos os problemas que sufrimos as mulleres ao longo da historia e ao longo do mundo. Para mais información sobre a situación nos Grandes Lagos, pódese descargar o dossier ‘Mulleres dos Grandes Lagos: Chamamento para a paz’ no apartado ‘descargas’ da nosa site. A CNG agradece inmensamente o traballo de Tereixa e Irene nestes encontros internacionais.
|
| Modificado o ( Domingo, 08 Novembro 2009 14:34 ) |