MarchaMundialdasMulleresnaGaliza

Cambiar o mundo para cambiar a vida das mulleres, cambiar a vida das mulleres para cambiar o mundo

Novas

Non hai xustiza climática sen feminismo!

Correo-e Imprimir PDF
Non hai xustiza climática sen feminismo!

O clima do noso planeta cambia de forma visible e rápida. Múltiples acontecementos climáticos extremos observados nos últimos anos, como cambios nas choivas, a intensidade e alcance das secas, a forza crecente dos furacáns, entre outros, están conectados co aumento da temperatura na terra. Estes episodios tiveron xa numerosas consecuencias negativas para comunidades de todo o mundo. Estes cambios non teñen nada de natural, senón que son as consecuencias da acción humana sobre o planeta, como así o demostraron científicos-as no informe do GIEC (Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o cambio climático) publicado en novembro de 2014. Este informe confirma a gravidade da situación: o quecemento global podería superar os 4º de aquí ao ano 2100 e, para moitos científicos-as, isto é xa un fenómeno irreversible.

Doutra banda, outras degradacións ambientais son moi preocupantes, como o aumento do nivel do mar, a redución da biodiversidade, a destrución ambiental, a desertificación, a acidificación dos océanos, a salinización da auga, as malas colleitas, a contaminación do aire, as mareas negras, os plásticos e outro tipo de contaminantes, o desxeo dos glaciares, os records de temperaturas no inverno e no verán, a multiplicación dos Tsunamis e os ciclóns fóra de tempada.

As consecuencias do cambio climático, non son unicamente físicas, senón tamén sociais, económicas, políticas e producen desigualdades. Estas consecuencias non son teóricas, senón que se fan sentir xa por todo o planeta.

Os países e as poboacións pobres, e as mulleres en primeiro lugar, son cada vez máis vulnerables ás catástrofes que levan grandes movementos de poboación. As mulleres pobres das zonas rurais e as mulleres indíxenas son máis dependentes dos recursos naturais para sobrevivir e en diferentes partes do mundo son elas as responsables da produción de comida e da subsistencia, da recollida de auga e están a cargo dos-as nenos-as e das persoas anciás.

Pero isto non é só un problema dos países pobres. En Europa, África, Asia, Américas e Oceanía a crise climática ameaza con acentuar as desigualdades no acceso á sanidade, a unha alimentación sa, ao acceso a recursos de auga, á electricidade, etc. E isto pode ter un impacto moi importante na vida das mulleres de todo o mundo.

Nas estratexias do sistema capitalista, podemos ver un paralelismo entre a explotación da natureza e a explotación do tempo das mulleres: tanto o uno, como o outro, son tratados como recursos inesgotables e flexibles que son usados como variables de axuste para garantir o beneficio capitalista baseado no traballo das mulleres e na apropiación privada dos medios comúns. O tempo e a enerxía que empregan as mulleres nas tarefas domésticas, e de coidar doutros-as nunha dobre ou ás veces tripla xornada de traballo non é visible e é flexible en función da dispoñibilidade ou supresión dos servizos públicos. Da mesma forma, o tempo e a enerxía dos procesos de rexeneración da natureza son invisibilizados e tratados como unha molestia para a maquinaria produtiva. A división sexual do traballo é a base do sistema capitalista, onde o traballo asimilado á produción, é amplamente valorizado a todos os niveis (material, simbólico, etc.) mentres que o traballo que garante a reprodución social, realizado maioritariamente polas mulleres, é considerado como subalterno, mesmo cando este contribúe para a manutención do sistema.

Sinalar co dedo aos culpables para construír a Xustiza Climática.

Fronte a esta crise climática, é importante preguntarse como chegamos aquí. As evidencias científicas mostran que a degradación do planeta está estreitamente vinculada co modo de produción capitalista e o modelo de consumo que o acompaña, e que se intensifica e globalízase tras a Revolución Industrial.

Para alcanzar a xustiza climática, é importante subliñar a responsabilidade histórica dos países industrializados do norte na situación que vivimos. Por tanto, se os países historicamente ricos son os máis contaminantes, é necesario sinalar unha maior responsabilidade das poboacións ricas co seu modelo de vida altamente consumidor de carbono e enerxía, así como dalgunhas empresas (especialmente aquelas que operan no campo das enerxías fósiles).

As ocupacións coloniais e as guerras tamén xogan un rol moi importante na destrución da ecoloxía do planeta. A explotación e subyugación de poboacións enteiras, para o proveito dalgúns Estados e industrias, destruíu moitos ecosistemas, roubado terras, contaminado e expoliado as riquezas naturais dos países do Sur. As guerras teñen numerosas repercusións na natureza: contaminación das empresas de armas e dos sistemas de seguridade, custo ambiental do mantemento dos exércitos e de preparación dos conflitos, efectos das bombas e doutras armas de guerra sobre o medioambiente, etc.

Feministas cara á COP21: NON ás falsas solucións!

A Conferencia das Partes sobre Cambio Climático (COP21) terá lugar en Paris, Francia, do 30 de Novembro ao 11 de Decembro de 2015. Os nosos gobernos anunciaron, e están a facer promesas, para conseguir un Acordo Vinculante legal Universal. Desde a Conferencia de Rio en 1992 e a Conferencia de Kyoto en 1997, os gobernos reuníronse regularmente, e este acordo aínda non foi alcanzado. No canto diso, as empresas multinacionais aseguráronse o apoio político dos gobernos para garantir que os seus intereses fan parte das estratexias de fondo destes acordos. As falsas solucións multiplícanse, nun tempo no que as emisións - E a deforestación- continua aumentando dramaticamente en todo o mundo. Os mercados de carbono, REDD e REDD+ (mecanismos de redución de emisións asociados á deforestación e a degradación dos bosques), as bioenergías provenientes do monocultivo, a economía verde e a financialización dos seres vivos son só algúns exemplos disto.

Non queremos que o crecemento económico teña prioridade sobre as vidas humanas, e non queremos un mundo no que os negocios controlen o noso planeta e os nosos dereitos. En todos lados, as empresas están a tentar controlar as terras e os territorios, chegando mesmo a usar violencia física e sexual, milicias, exércitos e forzas policiais. En todos sitios, as comunidades máis pobres enfrontan a contaminación e a destrución dos seus ambientes naturais, sexa a través da construción de presas ao longo do Amazonas, en China, ou en India, ou construíndo autoestradas nos suburbios de Paris, ou grandes supermercados no campo francés.

A nosa visión sobre a cuestión climática e ambiental considera que a destrución da natureza fai parte da forma na que o capitalismo está organizado ao redor da súa cruzada incesante na procura de beneficios. Non é suficiente identificar o impacto que este sistema ten sobre as mulleres.

Partimos da análise de que o capitalismo usa as estruturas patriarcais no seu proceso de acumulación. Como resultado, non cremos nas accións que procuran reducir o impacto negativo do sistema de produción. En cambio, nós apostamos por transformar as estruturas que son responsabilidade das relacións de poder desiguais, combinando as perspectivas de clase, raza, sexualidade e xénero.

Cambiar o mundo para cambiar a vida das mulleres,
cambiar a vida das mulleres para cambiar o mundo!

A Marcha Mundial das Mulleres loita por un cambio real: queremos superar a división sexual do traballo, promovendo o feito de que o traballo doméstico e de coidados sexa a base da vida humana e das relacións entre as persoas ao seo da familia e da sociedade. O reequilibrio e división dos traballos domésticos e de coidados entre os homes e as mulleres, é a base da construción dunha relación dinámica e armoniosa entre os seres humanos e a natureza.

O noso proxecto repousa sobre o fortalecemento dos vínculos entre as mulleres, a toma de conciencia das preocupacións comúns a todos-as, particularmente a nivel local, a loita sobre os cambios no modelo de consumo e de produción do sistema capitalista. O noso desafío implica a unión da loita das mulleres, tanto urbanas como rurais, contra a desigualdade ambiental, para salvagardar os bens comúns e os servizos públicos, para protexer a natureza, contra a privatización da vida, entre outras cousas.

As loitas pola soberanía alimentaria, as prácticas de resistencia en agroecología historicamente dirixida polas mulleres, a politización feminista do dereito para exercer o control sobre os nosos corpos, a construción da autonomía das mulleres e a centralidade dos coidados para a vida e a natureza crean converxencias políticas que son unha medida de construír unha novo paradigma de sustentabilidade da vida, fundado na igualdade e a preocupación polas xeracións futuras. Como feministas, temos moito que dicir sobre as solucións á crise climática e ecolóxica.

Non hai xustiza climática nin ambiental sen feminismo !
Modificado o ( Domingo, 22 Novembro 2015 18:21 )
 

O acoso sexual é delito

Correo-e Imprimir PDF

Ante o debate social aberto coa denuncia contra o presidente da Deputación de Ourense

Dende o feminismo traballamos nunha resposta social ao debate aberto en relación á denuncia interposta contra José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, por ofrecer un emprego a cambio de relacións sexuais.

Ante este suceso as mulleres da Marcha Mundial vemos con fonda preocupación que o debate social, lonxe de cuestionar ao denunciante e a violencia machista que supón exercer presión dende unha posición de poder para procurar favores sexuais, coloque o seu foco na muller que denuncia, cuestionándoa e banalizando a gravidade dunha acusación de acoso sexual e por tanto de violencia machista.

Co fin de contribuír a explicar socialmente o que significa o acoso sexual e que é outra forma de violencia machista vimos de pór en marcha unha campaña que levará por lema "O Persoal é Político. O acoso sexual é delito" mediante a cal queremos facer chegar a toda a sociedade este debate desmontando os argumentos falaces de pechalo no ámbito privado, de restarlle importante e o peor: de criminalizar á muller que denuncia.

bannerbaltar.png

Para iso elaboramos un cartaz que tentaremos visibilizar en toda a cidade, estamos preparando unha palestra sobre o acoso sexual na lexislación que terá lugar o 2 de decembro ás 20.0hh no Liceo (Ourense) e queremos facer público o seguinte comunciado:

O persoal é político

Demandamos do Partido Popular unha posición clara contra a violencia machista e o acoso sexual

O artigo 3 da Lei 11/2007, de 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero fala de formas de violencia machista e sinala como unha das formas de violencia o «acoso sexual, que inclúe aquelas condutas consistentes na solicitude de favores de natureza sexual, para si ou para unha terceira persoa, nas que o suxeito activo se prevale dunha situación de superioridade laboral, docente ou análoga, co anuncio expreso ou tácito á muller de causarlle un mal relacionado coas expectativas que a vítima teña no ámbito da devandita relación, ou baixo a promesa dunha recompensa ou dun premio no ámbito desta». Tal definición de acoso sexual está inspirada e coincide no esencial coa tipificación do delito de acoso sexual contido nos apartados 1 e 2 do artigo 184 do vixente Código Penal.

Como forma de violencia machista, o acoso sexual non pode ser tratado só como unha cuestión relegada á esfera doméstica ou privada e por tanto persoal, senón que constitúe un problema social e como tal debe afrontarse. Debe ser no ámbito público no que se visibilice e denuncie e no que se trate calquera cuestión referida a denuncias desta índole por parte de calquera cidadán, e con maior rigor se cabe as relacionadas con representantes públicos nunha institución.

A sociedade debe demandar das autoridades todo o esforzo en esclarecer calquera circunstancia relacionada con denuncias sobre violencia machista, e máis sabendo que en moitos casos non tomar en conta os testemuños das mulleres que a sufren leva a terríbeis consecuencias como pode ser a dos asasinatos machistas.

Ante unha muller que denuncia violencia machista, e o acoso é unha forma de violencia, todos os resortes da xustiza deben colocarse no obxectivo de investigar, contrastar e resolver sobre as consecuencias do posíbel delito protexendo en todo momento tanto o anonimato como a integridade da muller e loitando por evitar a dobre criminalización que se produce cando quen se xulga social e mediaticamente é a muller que sufre e denuncia a agresión e non o seu agresor. Neste sentido, o artigo 30 da citada lei 11/2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero establece no seu apartado 1 que «a Administración da Xunta de Galicia poderá exercer a acción popular nos procedementos penais por violencia de xénero» e o artigo 31.1 da mesma lei insiste en que «nos casos en que proceda, a Xunta de Galicia poderá acordar o seu personamento nos procedementos penais instados por causa de violencia de xénero, en calidade de parte prexudicada civilmente, de conformidade co establecido no artigo 110 da Lei de Enxuizamento Criminal».

A denuncia feita contra José Manuel Baltar por ofrecer un emprego a cambio de favores sexuais está tipificada na lei como acoso sexual e por tanto é unha forma de violencia que constitúe un delito. As abaixo asinantes consideramos que un representante público acusado dun delito de violencia machista non pode permanecer nin un día máis á fronte da institución nin da súa responsabilidade política. Tanto el como o Partido Popular deben asumir as responsabilidades políticas e aclarar publicamente a súa posición en relación á violencia machista e ao acoso sexual.

Como parte dunha sociedade crítica e comprometida que se nega a ser cómplice do silenciamento da violencia e de retorcidos debates que criminalizan aos máis débiles amosamos todo noso apoio á denunciante, ao seu dereito a expresarse e a non ser xulgada pola súa acción xudicial e expresamos ás veciñas e veciños de Ourense cales son as nosas demandas.

Demandamos do Partido Popular Galego que proceda a:

  • O cese inmediato do actual presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar.

  • O remate da campaña de criminalización da denunciante e que deixe actuar á xustiza libremente.

  • Esixir ao presidente do Goberno galego Alberto Núñez Feijóo que realice unhas disculpas públicas polas declaracións nas que sinalou a inexistencia de delito por non ter conseguido a denunciante un emprego, restando importancia ao feito da existencia da promesa que puido ser empregada como presión para violentar a liberdade sexual da denunciante.

Demandamos da Xunta de Galicia que proceda a:

  • Exercer a acción popular en caso de que se abra un proceso xudicial derivado da denuncia presentada contra José Manuel Baltar por ofrecer un emprego a cambio de relacións sexuais a unha ex traballadora da Deputación de Ourense.

 

Ourense, novembro de 2015

colante1redes.png

En sororiedade feminista

Seguimos en Marcha ata que todas vivamos libres de violencias.

 

COMUNICADO CONTRA FEMINICIDIO DE INMACULADA

Correo-e Imprimir PDF

COMUNICADO CONTRA FEMINICIDIO DE INMACULADA

O luns erguiámonos coa descorazonadora noticia doutra muller asasinada en Vigo, na rúa Zamora, Inmaculada Cendón Rodríguez, de 56 anos.

Esta vez o asasino non foi o seu marido, nin o seu ex-marido, nin noivo, nin ex-noivo, non, foi o seu fillo pequeno de 27 anos, que foi trasladado ao Hospital Alvaro Cunqueiro para unha avaliación psiquiátrica, aínda que non estaba tomando ningunha medicación, nin tiña ningún diagnóstico previo de ningunha enfermidade mental.

E as interrogantes de sempre, ou mais que nunca. Por que? Foi un brote de loucura ou temos que considerar a Inmaculada Cendón, unha vítima máis da violencia machista?

Nas estadísticas oficiais de vítimas de violencia de xénero non aparecerá o seu nome, unha menos nesa longa lista de vítimas, pero para nós o asasinato de Inmaculada Cendón foi un feminicidio, definido como o asasinato de mulleres por razóns asociadas ao seu xénero.

Non sabemos se con este feminicidio o seu fillo quixo impor o seu dominio sobre a súa nai. Non sabemos se foi froito do machismo e a misoxinia que alimenta o medo e a desconfianza cara a liberdade das mulleres.

Pero si sabemos que Inma era a encargada do seu coidado, que foi a responsable de lidar día a día cos seus dous fillos, de aturar e mesmo ter que denunciar, as súas agresións.

Hai moitas persoas interesadas en que as mulleres sigan vivindo a violencia machista como se fora algo persoal, do ámbito privado, onde o agresor e a vítima son os únicos responsables.

Hai moitos anos que as feministas ao analizar as causas da opresión das mulleres chegaron a conclusión de que o privado é político, pero con cada caso de feminicidio é necesario recordalo.

Cada vez que unha muller é asasinada, non podemos evitar a dor, a tristeza, a frustración e a rabia que sentimos por eses que queren impor o seu dominio asasinando.

Pero non queremos estar soas fronte a tanto sufrimento. Xa é hora de que a sociedade se comprometa dun xeito máis activo e contundente contra o feminicidio.

Convocamos a toda a sociedade para que sinta a indignación, a insatisfacción e o desasosego cando se exerce a violencia contra as mulleres, cando se asasina a nenas, avoas, as nosas irmás, mulleres, para esixir que se tomen medidas.

Convocamos a todas as forzas políticas para que tomen conciencia da magnitude do

feminicidio e tomen medidas de xeito urxente para protexernos da violencia machista e para garantir todas as axudas, recursos e medidas necesarias para combater o feminicidio dun xeito real.

Convocámosvos a todas e todos para que xunto a outras e outros soñemos a utopía doutro mundo que é necesario construír, libre de violencia contra as mulleres. Por que non é natural, non é bo continuar con tanta dor, medo, impotencia, rabia, tristeza e frustración polas múltiples violencias que acotío vivimos.

Convocamos a todas as mulleres para que se ergan, para que asuman a conciencia da súa autonomía, para que se xunten con outras mulleres, collan forzas, e poidan liberarse das opresións a través do pensamento transgresor.

Desde aquí queremos unir as nosas enerxías ás de miles de mulleres que ao redor do mundo autoconvócanse para denunciar o máis profundo rexeitamento das violencias que continuamos vivindo.

E tempo de buscar acougo e forzas, de alentar a resistencia e a rebeldía, de non deixar soas as máis vulnerables, e de loitar contra a os feminicidios.

Porque o día que nos venza o medo, o día que nos conformemos, que creamos que nada se pode facer. O día que nos calemos, ese día estaremos perdidas.

Convocámosvos para seguir achegando á construción dunha vida libre de violencias.
Modificado o ( Martes, 10 Novembro 2015 23:13 )
 

Reclamamos unha investigación profunda sobre a denuncia de acoso sexual a José Manuel Baltar e que remate a campaña de revictimización da denunciante

Correo-e Imprimir PDF

Este mércores 4 de novembro denunciamos ante os meios de comunicación e a opinión pública a grave situación que vivimos en Ourense ante a denuncia a José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, de ofrecer postos de traballo a cambio de relacións sexuais.

Dende a coordenadora local da Marcha Mundial das Mulleres quixemos achegar unha serie de reflexións que resumimos a continuación:

- O solo feito de que sexan mencionados amaños nos procesos de selección de persoal da Deputación de Ourense nas gravacións realizadas pola denunciante son suficiente motivo para que o Partido Popular asuma a responsabilidade política de retirar do seu cargo a José Manuel Baltar.

- Sumado ao anterior a denuncia por ofrecer un emprego a cambio de favores sexuais esta tipificada na lei como acoso sexual e por tanto unha forma de violencia que constitúe un delito. Un representante público acusado disto non pode permanecer nen un día máis á fronte da institución.

- A violencia machista nunca foi nen debe ser tratada como algo relegado á esfera doméstica ou privada. A violencia machista é un problema social e como tal debe afrontarse. Non aceptamos que se pretenda enmarcar na “vida persoal” algo que nos afecta como mulleres e como sociedade.

- Se José Manuel Baltar non dimite é responsabilidade do Partido Popular, de Ourense a Madrid, de cesalo e se non o fan serán tamén responsábeis de contribuír a normalizar a violencia e o acoso sexual como xa fixo o presidente galego Feijóo ao decir que o feito de non conseguir a denunciante o emprego significaba que non existía delito. Por se o presidente non o sabe delito é ofrecer as prevendas a cambio de relacións sexuais sexan estas finalmente concedidas ou non.

- Rexeitamos a campaña de revictimización da denunciante e colocámonos a disposición do que ela precise cando o precise. É intolerábel que se desacredite o seu testemuño como víctima de violencia para dar cobertura a un responsábel público. Á marxe do que suceda co proceso xudicial para nós unha muller que denuncia violencia debe ser respectada e investigarse o sucedido ata as últimas consecuencias.

- Demandamos do fiscal que evite realizar consideracións á marxe do tratamento xudicial do caso. O que ten que facer a xustiza é iniciar o procedemento de investigación, chamar ás testemuñas e facer todas as averiguacións que leven a coñecer a verdade e logo falar a través das sentenzas xudiciais. En ningún caso aceptaremos que se quite valor a esta denuncia por estar realizada por unha mulleres agredida fronte a membro destacado do Partido Popular.

- Reclamamos da sociedade unha resposta contundente ante a desproteción que sufre a denunciante. Pedimos ás veciñas e veciños de Ourense que non miren para outro lado e que non criminalicen á denunciante e si ao denunciado pois os audios son proba evidente do seu trato vexatorio cara a denunciante e a xustiza dirá se ademáis se proban os feitos da denuncia de acoso sexual.

Nos próximos días convocaremos unha reunión cos diferentes colectivos da cidade para dar resposta e anunciamos ante os meios de comunicación que xa estudamos a posibilidade de comparecer como acusación particular contra José Manuel Baltar para reclamar que se investigue sobre a denuncia de acoso sexual.

Ademáis as parlamentarias presentes na rolda de prensa para denunciar a discriminación da lingua galega na reclamación polo asasinato de Isabel Fuentes, Carme Adán (BNG) e Carmen Iglesias (grupo Mixto) expresaron o seu rexeitamento á campaña de apoio do PP a José Manuel Baltar desprezando á denunciante e explicaron que ambos grupos realizarán este xoves preguntas ao presidente galego Alberto Núñez Feijóo sobre a denuncia e dimisión de José Manuel Baltar en sesión parlamentaria.

En sororidade feminista
SE TOCAN A UNHA RESPOSTAMOS TODAS!
 
Páxina 4 de 24

Participa!

unete.png

Opinión - Debate

A Viñeta

A MMM en Twitter

Perfil no Facebook de Marcha Mundial Mulleres Galiza

Enlaces Web











Banner Apoio:



Coloca un na túa páxina web !

Campañas:

cartazrumboagaza.jpg

4accion.png

fotocool_web.png

pgda.jpg

Cartel
Cartel

Publicacións:

tribunal_acusacion.jpg marchabrazil.jpg novasfeministas.jpglibroaiiiaccioninternacional.png portada_aborto.jpg24maio.png

Descargas:

Organizacións que integran a MMM:

NACIONAL
ADEGA [ir]
Andaina, Revista Galega de Pensamento Feminista [ir]
Anova [ir]
BNG - Comisión de Mulleres [ir]
Cerna [ir]
CC.OO - Secretaría da Muller [ir]
Esquerda Unida - Área da Muller [ir]
Forum Galego de Política Feminista [ir]
Galiza Nova - Asemblea de Mulleres [ir]
MÁMOA, Asociación Galega Pro Lactancia Materna
Mulleres Cristiás Galegas
Sindicato Labrego Galego - Secretaría das Mulleres [ir]
STEG - Asemblea de Mulleres [ir]
Xuventude Comunista [ir]
VIGO
AREA LOURA – Mulleres do Val Miñor
Asociación multicultural de mulleres [ir]
Colectivo Violeta
Dorna
Federación Veciñal Eduardo Chao - Vocalía da Muller [ir]
FIGA (Feministas independentes Galegas) [ir]
Mulleres Progresistas de Vigo [ir]
Nós Mesmas [ir]
Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos [ir]
FERROL
Fuco Buxán [ir]
Lefre de Caldereta [ir]
USTG - Departamento da Muller [ir]
PONTEVEDRA
Asemblea de Mulleres de Pontevedra
COMPOSTELA
LIBERANZA, Asociación de Promoción da Muller
COSTA DA MORTE
Buserana
A MARIÑA
Observatorio da Mariña pola igualdade [ir]

Organizacións que colaboran coa MMM:

Mulleres Nacionalistas Galegas [ir]

Usa software libre

Cartel

Quen está en liña?

Temos 46 convidados en liña