Quen somos? Imprimir
Escrito por Administradora   
Mércores, 11 Outubro 2006 00:15
A Marcha Mundial das Mulleres

A Marcha Mundial das Mulleres é un movemento internacional de accións feministas que reúne grupos, organizacións de base e mulleres que traballan para eliminar as causas da pobreza e da violencia contra as mulleres. Loitamos contra todas as formas de desigualdade e discriminación cara ás mulleres. Os nosos valores e accións oriéntanse a un cambio político, económico e social. Os mesmos que se centran na globalización da solidariedade, na igualdade entre mulleres e homes, entre as propias mulleres e entre os pobos; o respecto e recoñecemento da diversidade entre as mulleres; na multiplicidade das nosas estratexias; na valorización do liderado das mulleres, e no fortalecemento de alianzas entre as mulleres e outros movementos sociais progresistas.

Nacida do desexo de reunir ás mulleres do mundo en torno a un proxecto común, impúxose rapidamente como un formidable movemento mundial despois da organización da Marcha das Mulleres no ano 2000, dando ao movemento feminista a oportunidade de manifestarse e facerse ouvir en todas as esferas.

“Logramos, no ano 2000, que retumben os nosos pasos e as nosas voces, como poucas veces ten sucedido. Para conseguilo recurrimos a unha receita moi sinxela, de eficacia confirmada, que consiste en abrir espazos que propicien o diálogo entre as mulleres, no cal estas poidan narrar as súas vidas e atopar o fío condutor para actuar xuntas. É precisamente deste modo que cada unha de nosoutras estivemos abrindo camiños durante os últimos anos. Coa Marcha Mundial das Mulleres temos dado un paso máis para ampliar as redes de influencia entre nós, e logramos facer sentir a nosa presenza tanto aos encargados das decisións que se atopan preto de nós, como a aqueles máis protexidos do noso escrutunio, que se atopan en institucións como a ONU, o Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional.

É precisamente esa a nosa principal razón para marchar: aumentar o alcance e o impacto da nosa análise. Unha análise que nos ten levado a querer redefinir as regras políticas, sociais e económicas que nos rexen. O feminismo é un pensamento, un proxecto social, unha alternativa, unha maneira distinta de ver o mundo. O feminismo vai máis alá da simple constatación das desigualdades e da necesidade de permitir o acceso ao poder. Desfacer os sistemas que perpetúan o medo á diferenza, que atizan o odio das diferenzas e xustifican a violencia: denunciar os sistemas que xeran a exclusión e aumentan a dominación. Estes son os motivos que nos animan.

Podedes atopar máis información sobre a Marcha Mundial das Mulleres na páxina internacional:
www.marchamundialdelasmujeres.org
Última actualizaciónfeita en Martes, 10 Febreiro 2015 13:52