EN DEFENSA DA PAZ, OS CORPOS E OS TERRITORIOS Imprimir
Escrito por Marcha Mundial das Mulleres na Galiza   
Luns, 12 Outubro 2015 11:20

As mulleres da Marcha Mundial, reunidas hoxe en Vigo no marco da IV Acción Internacional, rexeitamos as agresións sufridas e os ataques levados a cabo contra a marcha pola paz organizada polos movementos sociais, feministas e sindicais –especialmente no ámbito da saúde– en Ankara, Turquía.

Rexeitamos as persecucións que sofren os movementos sociais, as minorías étnicas, o pobo kurdo e os movementos feministas por parte do Estado turco. A Caravana Feminista, como parte da IV Acción Internacional en Europa, iniciou o seu camiño no Kurdistán, onde constatamos a situación política e a estratexia do Estado turco de desestabilizar a rexión para eliminar as alternativas ás políticas fascistas e neoliberais de Erdogán e o goberno turco.

Fronte a isto, a Marcha Mundial das Mulleres solidarízase coa loita das mulleres e do pobo kurdo pola paz e a construción dunha sociedade xusta. O ataque sufrido na marcha pola paz é só un exemplo dos masacres promovidos en defensa do neoliberalismo en Turquía e o resto do mundo.

As mulleres da Marcha Mundial condenamos esta agresión, que deixa máis de 100 asasinatos, e todas as que ocorren no mundo, e continuamos comprometidas con construír unha alternativa de paz, xustiza e igualdade para todas e todos.

En sororidade feminista.

Seguimos en marcha até que todas sexamos libres.

Vigo, outubro de 2015

Última actualizaciónfeita en Luns, 12 Outubro 2015 11:27