25N: A violencia machista non ten idade: erradiquémola Imprimir
Escrito por Administradora   
Martes, 22 Novembro 2016 16:54

Traballamos durante todo o ano para visibilizar e denunciar as violencias machistas e transformar a sociedade para erradicalas. Este 25N queremos lanzar unha mensaxe en tempos duros nos que as violencias se multiplican: A violencia machista non ten idade: erradiquémola. E queremos lembrar tamén que a violencia machista é contra todas e que as solucións son coletivas. Este 25N, como o resto do ano, saimos ás rúas reclamar unha vida sen violencia #enMarcha#QuerémonosVivas #menunhamenos #nenunhamáis

Un 25 de novembro máis de loita contra a violencia machista. Contra a violencia que sufrimos as mulleres polo feito de sermos mulleres. Van 17 anos desde que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas designase o 25 de novembro como o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, e non nos cansamos, non esmorecemos ante os ataques daqueles que se senten ofendidos. Daqueles que deslixitimando o discurso feminista son cómplices de cada asasinato, de cada agresión, de cada violación. Porque non son feitos illados, noticias breves da sección de sucesos dos informativos, senón a consecuencia do sistema de valores que avala o dominio dun sexo que se afirma sobre outro que lle pertence.

“Cando agriden a unha nos agriden a todas” non é metafórico, xa que coas agresións preténdese que esteamos pasivas, inanes, temerosas, inseguras e coartar a nosa liberdade. Non. Berramos que a cada agresión levantan a nosa ira. O androcentrismo non vai seguir ocultando a nosa voz. Queremos que as regras de xogo non dependan de se nacemos nenas, nenos ou transxénero. Queremos vivir sen medo.
Seguiremos en marcha ata que TODAS sexamos libres!!