A Marcha Mundial das Mulleres fará un Milladoiro simbólico coa participación das delegadas dos 48 paises Imprimir
Escrito por Administradora   
Sábado, 18 Outubro 2008 00:00

O domingo 19 de outubro, ás 12 da mañá será construido un milladoiro na Praza do Concello de Vigo coa participación de todas as delegadas dos 48 paises presentes no VII Encontro Internacional da Marcha Mundial.

Quérese con este milladoiro lembrar a construción milenaria de ofrenda ás deusas e aos deuses para facer o camiño protexidas e fortes.  Ten reflexo no lema da manifestación que sairá do mesmo lugar de creación do milladoiro: “Mulleres en marcha até que todas sexamos libres”.

As creadoras deste proxecto artístico son Ana Gesto, Ada Adriana García e Marta López. A peza escultórica resultante terá incorporados vários símbolos alusivos ao camiño: unha sandalia, calzado que simboliza a viaxeira, e unha zoca, calzado galego utilizado pola muller traballadora que simboliza a forza.

Son pois a sandalia e a zoca en conxunción quen van arroupar o milladoiro feito a partir das pedras de cada país de procedencia das delegadas participantes no VII Encontro Internacional, que se leva celebrando en Panxón ao longo de toda a semana.

A composición escultórica terá forma circular, representando con isto o poder, e achegará a forza e a unión das mulleres de todo o mundo vindas a Galiza para “Marchar até que todas sexamos libres” todas xuntas polas rúas de Vigo.

O material en que están realizadas as sandalias é bronce con esmaltados,  combinación que  á luz solar presenta reflexos diversos, segundo a intensidade, aproximandose nuns momentos ás texturas do coiro e noutros do ferro oxidado. O ferro oxidado remite ao tempo pasado, á historia e á forza. O coiro en cambio transmite o momento presente e a flexibilidade. E por último cando se reflicte a cor chocolate remítenos ao alimento e ao futuro.

Como peche da performance, vaise realizar un grande espectáculo da man de Nut Teatro e da cantora  Uxía Pedreira.
Última actualizaciónfeita en Martes, 21 Outubro 2008 08:31