O 016 É PARA AS VíTIMAS: AS MULLERES Imprimir
Escrito por Marcha Mundial das Mulleres na Galiza   
Mércores, 10 Xaneiro 2018 23:03

O 016 É PARA AS VíTIMAS: AS MULLERES

Dende a Marcha Mundial das Mulleres queremos DENUNCIAR a terrible HIPOCRESÍA do goberno español. Este martes, finalmente, tras a presión social, o Ministerio de Sanidade, Servicios Sociais e Igualdade, retirou do prego de prescripcións técnicas do “Servizo 016 de información e asesoramento xurídico en materia de violencia de xénero” a asistencia a homes en materia de “separación, custodias e orientación en contextos de violencia”. O 016 é un teléfono de atención a mulleres vítimas de violencia de xénero. Cada vez menos medios se destinan a loitar contra a violencia machista, sen que esta reduza as súas cifras.

Parécenos un indicador claro da pouca importancia que teñen para o goberno español as 98 vítimas deste pasado 2017, o feito de que inclúa tratamento e asesoramento para os maltratadores no mesmo servizo que atende ás súas vítimas. 
Isto é ademais unha manobra perversa, xa que deslexitima o obxectivo co que foi creado o 016 restándolle importancia e protagonismo a un problema que debía ser central para calquera administración: a violencia machista.

Esta nova medida, xunto con tantas outras, móstranos a realidade: que baixo medidas de maquillaxe, o PP e o goberno español non pretenden loitar eficazmente contra o machismo e que non son parte da solución, senón do problema.

#FEMINISMO PARA VIVIR
#O016 PARA AS VITIMAS