A MANADA SOMOS NÓS!! Imprimir
Escrito por Marcha Mundial das Mulleres na Galiza   
Domingo, 26 Novembro 2017 19:46

A MANADA SOMOS NÓS!!

Nestes días asistimos á revictimización a través de todo tipo de medios dunha moza que sufriu unha violación múltiple. Os medios de comunicación explicitan a violencia estrutural a través do trato que dan do xuízo, mas non é só no caso da violación de San Fermín senón en todos aqueles procesos xudiciais nos que intervén a violencia machista.

Moitas (todas) sabemos que denunciar as agresións expón ás agredidas a todo tipo de novas e reiteradas agresións públicas e privadas e é por iso que en moitos casos non se dan os pasos necesarios para levar adiante ditas denuncias.

Na Galiza hai xa un par de anos que compañeiras se organizan para a autodefensa facendo especial traballo no contexto de festas e celebracións populares, este traballo desenvólvese baixo a denominación de manada, termo hoxe maltratado e asociado aos agresores.

Dende aquí reivindicamos que a manada somos nós, as feministas, que nos organizamos para defendernos das violencias e que seguimos tecendo rede para ter a forza suficiente para denuncialas.

IMOS FACER RUIDO CONTRA AS AGRESIÓNS

Convidámoste a que o xoves, 23 de novembro, ás 20:00 horas, na farola de Urzaiz-Vigo  saias a rúa connosco nunha ACCIÓN para reivindicar que estamos fartas de agresións! Que estando xuntas a manada somos nós!
Que estamos fartas de que sendo as agredidas se nos cuestione e criminalice!
Que non imos ficar caladas fronte a unha xustiza patriarcal e a uns medios e sociedade cómplices da violencia machista!
Que queremos mudar este entorno machista e que precisamos feminismo para vivir!
Contamos contigo para facer moito, moito ruído. Trae batukada,  panderetas, cacerolas e todo o que se che ocorra para facernos oír. Todas xuntas imos facer que se nos escoite!
Obrigadas a todas as que se organizan para combater tanta e tanta violencia.

En sororidade feminista, Feminismo para Vivir!!
#FeminismoparaVivir #AManadaSomosNos
Última actualizaciónfeita en Domingo, 26 Novembro 2017 19:51