Reclamamos unha investigación profunda sobre a denuncia de acoso sexual a José Manuel Baltar e que remate a campaña de revictimización da denunciante Imprimir
Escrito por Administradora   
Mércores, 04 Novembro 2015 18:39

Este mércores 4 de novembro denunciamos ante os meios de comunicación e a opinión pública a grave situación que vivimos en Ourense ante a denuncia a José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, de ofrecer postos de traballo a cambio de relacións sexuais.

Dende a coordenadora local da Marcha Mundial das Mulleres quixemos achegar unha serie de reflexións que resumimos a continuación:

- O solo feito de que sexan mencionados amaños nos procesos de selección de persoal da Deputación de Ourense nas gravacións realizadas pola denunciante son suficiente motivo para que o Partido Popular asuma a responsabilidade política de retirar do seu cargo a José Manuel Baltar.

- Sumado ao anterior a denuncia por ofrecer un emprego a cambio de favores sexuais esta tipificada na lei como acoso sexual e por tanto unha forma de violencia que constitúe un delito. Un representante público acusado disto non pode permanecer nen un día máis á fronte da institución.

- A violencia machista nunca foi nen debe ser tratada como algo relegado á esfera doméstica ou privada. A violencia machista é un problema social e como tal debe afrontarse. Non aceptamos que se pretenda enmarcar na “vida persoal” algo que nos afecta como mulleres e como sociedade.

- Se José Manuel Baltar non dimite é responsabilidade do Partido Popular, de Ourense a Madrid, de cesalo e se non o fan serán tamén responsábeis de contribuír a normalizar a violencia e o acoso sexual como xa fixo o presidente galego Feijóo ao decir que o feito de non conseguir a denunciante o emprego significaba que non existía delito. Por se o presidente non o sabe delito é ofrecer as prevendas a cambio de relacións sexuais sexan estas finalmente concedidas ou non.

- Rexeitamos a campaña de revictimización da denunciante e colocámonos a disposición do que ela precise cando o precise. É intolerábel que se desacredite o seu testemuño como víctima de violencia para dar cobertura a un responsábel público. Á marxe do que suceda co proceso xudicial para nós unha muller que denuncia violencia debe ser respectada e investigarse o sucedido ata as últimas consecuencias.

- Demandamos do fiscal que evite realizar consideracións á marxe do tratamento xudicial do caso. O que ten que facer a xustiza é iniciar o procedemento de investigación, chamar ás testemuñas e facer todas as averiguacións que leven a coñecer a verdade e logo falar a través das sentenzas xudiciais. En ningún caso aceptaremos que se quite valor a esta denuncia por estar realizada por unha mulleres agredida fronte a membro destacado do Partido Popular.

- Reclamamos da sociedade unha resposta contundente ante a desproteción que sufre a denunciante. Pedimos ás veciñas e veciños de Ourense que non miren para outro lado e que non criminalicen á denunciante e si ao denunciado pois os audios son proba evidente do seu trato vexatorio cara a denunciante e a xustiza dirá se ademáis se proban os feitos da denuncia de acoso sexual.

Nos próximos días convocaremos unha reunión cos diferentes colectivos da cidade para dar resposta e anunciamos ante os meios de comunicación que xa estudamos a posibilidade de comparecer como acusación particular contra José Manuel Baltar para reclamar que se investigue sobre a denuncia de acoso sexual.

Ademáis as parlamentarias presentes na rolda de prensa para denunciar a discriminación da lingua galega na reclamación polo asasinato de Isabel Fuentes, Carme Adán (BNG) e Carmen Iglesias (grupo Mixto) expresaron o seu rexeitamento á campaña de apoio do PP a José Manuel Baltar desprezando á denunciante e explicaron que ambos grupos realizarán este xoves preguntas ao presidente galego Alberto Núñez Feijóo sobre a denuncia e dimisión de José Manuel Baltar en sesión parlamentaria.

En sororidade feminista
SE TOCAN A UNHA RESPOSTAMOS TODAS!