Feminismo de base para mudalo todo Imprimir
Escrito por Marcha Mundial das Mulleres na Galiza   
Domingo, 01 Xullo 2018 14:27

 

Pacto de Estado: a favor da loita contra a violencia mais contra acordos de partidos sen debate no feminismo de base.


O movemento feminista do Estado Español comezou o pasado ano a presionar a institucións e partidos para que a violencia contra as mulleres fose cuestión prioritaria da axenda política. Nese marco de mobilizacións naceu o chamado “Pacto de Estado” que acabou convertido nun arranxo coa dereita (PP e Ciudadanos) que limita a axenda feminista e o debate aberto polos movementos feministas a unha mera cuestión orzamentaria e institucional que ademáis é de mínimos no ámbito da educación, prioritario para nós.

Dende a Marcha Mundial das Mulleres defendemos o traballo na fronte institucional para garantir leis e políticas públicas que den resposta ás nosas demandas sociais e políticas mas non asumimos a axenda institucional marcada polos acordos entre partidos como a nosa axenda prioritaria.

O movemento feminista abriu debates de fondo que agora intentan ser pechados nun debate orzamentario dun acordo que se pediu con boas intencións e acabou servindo para que un goberno da dereita reaccionario e adicado estos anos a combater os dereitos das mulleres tirase unha foto e conseguise un “acordo histórico” que en pouco ou nada fixo avanzar os nosos dereitos.

As mulleres galegas, ademáis, conseguimos grazas á organización do noso movemento feminista, lexislacións máis avanzadas que as que hoxe se plantexan no “Pacto de Estado” e negámonos a dar pasos atrás e rebaixar as demandas do feminismo para dar cabida á dereita nun acordo que naceu sen orzamento e co compromiso de cumplimento de quen non cumple nen sequer as leis que xa temos en marcha. Un acordo que contempla 200 millóns de euros ao ano para a loita contra as violencias cun goberno estatal que invirte 7.000 en políticas militares.

Case un ano despóis de rubricar un acordo partidario, no que non houbo ningún mecanismo para o debate de base e as aportacións dos diferentes movementos feministas, faise máis evidente que nunca que asinar un “Pacto de Estado” coa dereita machista que rebaixa continuamento os orzamentos para a igualdade só podía ter un resultado: o fracaso. Mas ese fracaso é de quen asina o acordo non dun movemento feminista cada día máis mobilizado e activo que reclama unha transformación radical do sistema e non apenas pactar coa dereita un marco estrutural da violencia que rebaixa as nosas aspiracións.

A coordenadora galega da Marcha Mundial das Mulleres quer lembrar tamén que grazas á loita feminista no noso país temos unha lexislación (Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero) que recoñece a violencia machista fóra do fogar e da parella e a diversidade de violencias que existen, cousa que non fai o “Pacto de Estado”. Ou que separa o proceso xudicial e de denuncia das prestacións e servizos para as mulleres que sufren violencia e mesmo o recoñecemento das violacións e a violencia sexual como violencias machistas algo que tampouco se dá no “Pacto de Estado”. A lei galega xa contempla a formación para as profesionais da xustiza que hoxe tanto se reclama a nivel estatal.

Para as mulleres galegas “O Pacto de Estado” esixe pouco da Xunta de Galiza, que é quen ten a responsabilidade e as competencias en materia de igualdade e un actor principal imprescindíbel para a loita polos dereitos das mulleres e contra as violencias que sufrimos e que debe asumir máis responsabilidade da que lle outorga este acordo estatal.

As mulleres galegas temos un marco político e legal que ten unha situación de partida mellor que a estatal e é nese camiño que debemos continuar avanzando, mobilizándonos e reclamando. Solidarias co resto do estado mas non permitindo que os acordos globais coa dereita nos fagan dar pasos atrás ou nos impoñan unha axenda que hoxe non é a nosa. Precisamos máis orzamento para as políticas de igualdade e para que se cumplan as leis, e por iso cremos imprescindíbel que o debate lexislativo se centre na lei galega e na necesidade do seu cumplimento, un marco avanzado que, de terse cumplido, incluiría xa grande parte das medidas agora pactadas no estado.

Chamamos a construír un debate de base nas nosas localidades e no noso país en torno desta e doutras cuestións e a construír unha axenda propia froito desas reflexións coletivas e análises das nosas condicións de vida e do marco político, social e lexislativo que xa temos acadado e no que aínda resta tanto por mellorar.

Última actualizaciónfeita en Domingo, 01 Xullo 2018 14:41