COMUNICADO CONTRA FEMINICIDIO DE INMACULADA Imprimir
Escrito por Marcha Mundial das Mulleres na Galiza   
Martes, 10 Novembro 2015 23:07

COMUNICADO CONTRA FEMINICIDIO DE INMACULADA

O luns erguiámonos coa descorazonadora noticia doutra muller asasinada en Vigo, na rúa Zamora, Inmaculada Cendón Rodríguez, de 56 anos.

Esta vez o asasino non foi o seu marido, nin o seu ex-marido, nin noivo, nin ex-noivo, non, foi o seu fillo pequeno de 27 anos, que foi trasladado ao Hospital Alvaro Cunqueiro para unha avaliación psiquiátrica, aínda que non estaba tomando ningunha medicación, nin tiña ningún diagnóstico previo de ningunha enfermidade mental.

E as interrogantes de sempre, ou mais que nunca. Por que? Foi un brote de loucura ou temos que considerar a Inmaculada Cendón, unha vítima máis da violencia machista?

Nas estadísticas oficiais de vítimas de violencia de xénero non aparecerá o seu nome, unha menos nesa longa lista de vítimas, pero para nós o asasinato de Inmaculada Cendón foi un feminicidio, definido como o asasinato de mulleres por razóns asociadas ao seu xénero.

Non sabemos se con este feminicidio o seu fillo quixo impor o seu dominio sobre a súa nai. Non sabemos se foi froito do machismo e a misoxinia que alimenta o medo e a desconfianza cara a liberdade das mulleres.

Pero si sabemos que Inma era a encargada do seu coidado, que foi a responsable de lidar día a día cos seus dous fillos, de aturar e mesmo ter que denunciar, as súas agresións.

Hai moitas persoas interesadas en que as mulleres sigan vivindo a violencia machista como se fora algo persoal, do ámbito privado, onde o agresor e a vítima son os únicos responsables.

Hai moitos anos que as feministas ao analizar as causas da opresión das mulleres chegaron a conclusión de que o privado é político, pero con cada caso de feminicidio é necesario recordalo.

Cada vez que unha muller é asasinada, non podemos evitar a dor, a tristeza, a frustración e a rabia que sentimos por eses que queren impor o seu dominio asasinando.

Pero non queremos estar soas fronte a tanto sufrimento. Xa é hora de que a sociedade se comprometa dun xeito máis activo e contundente contra o feminicidio.

Convocamos a toda a sociedade para que sinta a indignación, a insatisfacción e o desasosego cando se exerce a violencia contra as mulleres, cando se asasina a nenas, avoas, as nosas irmás, mulleres, para esixir que se tomen medidas.

Convocamos a todas as forzas políticas para que tomen conciencia da magnitude do

feminicidio e tomen medidas de xeito urxente para protexernos da violencia machista e para garantir todas as axudas, recursos e medidas necesarias para combater o feminicidio dun xeito real.

Convocámosvos a todas e todos para que xunto a outras e outros soñemos a utopía doutro mundo que é necesario construír, libre de violencia contra as mulleres. Por que non é natural, non é bo continuar con tanta dor, medo, impotencia, rabia, tristeza e frustración polas múltiples violencias que acotío vivimos.

Convocamos a todas as mulleres para que se ergan, para que asuman a conciencia da súa autonomía, para que se xunten con outras mulleres, collan forzas, e poidan liberarse das opresións a través do pensamento transgresor.

Desde aquí queremos unir as nosas enerxías ás de miles de mulleres que ao redor do mundo autoconvócanse para denunciar o máis profundo rexeitamento das violencias que continuamos vivindo.

E tempo de buscar acougo e forzas, de alentar a resistencia e a rebeldía, de non deixar soas as máis vulnerables, e de loitar contra a os feminicidios.

Porque o día que nos venza o medo, o día que nos conformemos, que creamos que nada se pode facer. O día que nos calemos, ese día estaremos perdidas.

Convocámosvos para seguir achegando á construción dunha vida libre de violencias.
Última actualizaciónfeita en Martes, 10 Novembro 2015 23:13