Declaración política do Comité Internacional da Marcha Mundial das Mulleres Imprimir
Escrito por Administradora   
Martes, 29 Setembro 2015 11:55

Nós, as membras do Comité Internacional da Marcha Mundial das Mulleres, reunidas no Quebec, Canadá, do 12 ao 15 de setembro de 2015, manifestamos:

A nosa solidariedade coas mulleres do territorio do Quebec, lugar de nacemento da Marcha Mundial das Mulleres, e o noso recoñecemento ás súas loitas e resistencia.

Recoñecemos o valor da formación política feminista como a estratexia para construírmonos nós mesmas como suxeitos políticos en resistencia ao sistema que nos oprime. Reunidas aquí, traballamos no entendemento común da nosa realidade, loitando por defender o dereito a crear a nosa propia epistemoloxía feminista.

Estamos traballando na construción das nosas propias alternativas feministas, baseadas na reconstrución do noso propio coñecemento e as nosas prácticas diarias, ambas suprimidas de forma intencionada do discurso dominante co fin de deixar as mulleres de lado.

Estamos comprometidas con liberarnos do patriarcado, do neocolonialismo e do capitalismo, que son a orixe do sistema opresor no que vivimos. Xuntas, neste espazo de traballo, chegamos á conclusión de que a pobreza, a violencia, a inmigración forzada e o terrorismo tamén son expresións da violencia que sofren as mulleres, nenos e comunidades marxinadas, como as consecuencias das crueis estratexias como a militarización, o extremismo e as medidas de austeridade que apoia a actual clase dirixente.

Neste sentido, condenamos a actitude da Comunidade Internacional, especialmente a da Unión Europea, pola súa resposta na crise das refuxiadas que está acontecendo estes días. Unha vez máis, presenciamos horrorizadas como a vida humana non vale nada, como as persoas están fuxindo do seu país, tentando escapar do fundamentalismo, do terrorismo e das guerras –alentadas por estados como os Estados Unidos e países aliados, así como pola industria das armas– para toparse cun forte inalcanzábel en Europa. Denunciamos a resposta oficial que está dando a Unión Europea, unha resposta baseada no militarismo, no peche das fronteiras e nas cotas, resposta que vai en contra da vontade de milleiros de cidadás europeas que estes días están tomando as rúas para abrirlle as portas ás persoas que foxen de Palestina, Siria, Libia, Iraq, Kurdistán e outros territorios da zona. Seguimos demandando a solidariedade das persoas de todo o mundo, e volvemos declarar que as refuxiadas non son o noso inimigo, senón as nosas irmás e irmáns que escapan de situacións de violencia extrema provocadas por un sistema inxusto. O racismo estase espallando amplamente en moitos territorios. Seguimos recibindo novas de desprazamentos forzados e violacións dos dereitos humanos de comunidades e pobos indíxenas no Brasil, en América do Norte e outros territorios. Os gobernos e os grupos de extrema dereita empregan o medo como estratexia para controlar a opinión pública e para xustificar as políticas xenófobas. O aumento dos asasinatos de persoas negras nos Estados Unidos está a producir axitación social e conflitos, mais os medios de comunicación e as redes sociais seguen culpando as mesma persoas: as que están a ser oprimidas tamén son criminalizadas cando toman medidas e reclaman xustiza.

Estas son as graves expresións da ideoloxía neoliberal e neocolonialista que cada día se fan máis fortes e que afectan á vida das persoas de todo o mundo. Empresas e estados están aplicando novas formas de colonización nos países do Sur. En África podemos ver como as multinacionais provocan o desprazamento de comunidades e poboacións indíxenas, as compañías están ocupando os territorios e saqueando os recursos naturais e a colonización cultural vaise dando a través do mercado capitalista e as tendencias de consumo, transmitidas a través dos medios de comunicación.

Defendemos as mulleres que son criminalizadas na súa loita por reclamar autonomía sobre os seus corpos e territorios. Enviamos a nosa solidariedade feminista a Sara Kaya, que foi elixida o ano pasado como co-alcaldesa de Nusaybin co 91% de votos do pobo. Nesta cidade kurda iniciamos a Caravana Feminista Europea o pasado 6 de marzo de 2015, e ela demostrou estar realmente comprometida coa nosa causa e o noso movemento. Por desgraza, informáronnos de que foi arrestada e destituída pola súa declaración sobre a autodeterminación hai dúas semanas. Condenamos a guerra e a opresión levada a cabo polo goberno turco contra as comunidades kurdas e mantemos a nosa solidariedade con Sara Kaya e calquera muller que fora criminalizada pola súa loita por un mundo mellor. Destacamos a Maxima, unha muller indíxena peruana que foi perseguida debido á súa resistencia na defensa da terra e da vida. Apoiamos a todas as persoas que resisten en todo o mundo.

Non queremos este mundo inhumano. Dicimos non, abonda! E para iso, ratificamos de novo o noso compromiso coa construción dun mundo novo no que a vida estea no centro de todo, no que todos os seres humanos gocen de novas relacións baseadas na xustiza, na liberdade, no respecto e no recoñecemento da diversidade, non só entre eles, senón tamén coa natureza.

Saudamos os esforzos de todos as coordinadoras nacionais que están traballando moi duro dende o comezo da nosa Acción Internacional o 8 de marzo, e que fan posible a acción a un nivel básico en moitas rexións e territorios, elaboran resistencias e alternativas e melloran a defensa do nosos territorios, corpos e da terra.

Saudamos as nosas irmás que conseguen vitorias no eido da política, nomeadamente a nosa camarada Sandra Morán de Guatemala, que acaba de ser elixida no Parlamento Nacional en representación dunha coalición de movementos sociais.

Estamos comprometidas con fortalecer a nosa relación con outros movementos sociais e aliados estratéxicos na crenza de que esta alianza fará o noso proxecto político máis forte e coherente. Por iso, seguiremos ocupando espazos políticos no ámbito local e internacional, para influír nos procesos de decisión e de deseño de políticas.

O vindeiro mes de decembro, mobilizaremos as mulleres de todo o mundo para que se unan ás accións internacionais sobre o COP21. Xuntas pronunciarémonos para protexer a Nai Natura e o medio e para demandar un cambio real no sistema e deter a devastación que está causando o cambio climático.

Coa esperanza de acadar esta sociedade guiada polos principios feministas, chamamos á loita e seguimos camiñando cara ao noso 10.º Encontro Internacional, en outubro de 2016, no que militantes de todo o mundo, de todos os territorios do planeta, reuniranse en Mozambique para dicir alto e claro: As mulleres na resistencia construímos un mundo novo!

Comité Internacional da Marcha Mundial das Mulleres

Quebec, 15 de setembro de 2015

Última actualizaciónfeita en Martes, 29 Setembro 2015 12:00