FÓRUM: CONTRIBUCIÓNS FEMINISTAS NA ORIXE E DESENVOLVEMENTO DUNHA CONSTITUCIÓN EUROPEA. Vigo, 22 de maio de 2004

“Contribucións á construcción/constitución europea: unha perspectiva dende a xustiza social e política” . María Xosé Agra Romero

O punto de partida da miña intervención neste fórum é a percepción e mesmo a constatación do grande descoñecemento do proceso de elaboración, modificacións e redacción do proxecto de tratado dunha constitución da unión europea (texto que posibelmente se aprobe no mes de xuño), da ausencia de información e dun debate cidadán amplo e continuado. Partidos políticos e algunhas organizacións da sociedade civil teñen tomado posicións, máis euroescépticas, máis críticas ou menos, pero que en todo caso reflicten en boa medida un certo alonxamento, unha grande falla de discusión, non se transmite moita ilusión (a información maior é sobre o peso dos estados membros) e menos se traslada á participación, e dicer, adolece dun déficit democrático. Se isto acontece coa cidadanía en xeral no caso das mulleres a percepción lévame a pensar que as mulleres están máis lonxanas aínda deste proceso pero, ao mesmo tempo constatase que no que atinxe á consecución da igualdade de mulleres e homes que se recolle no proxecto, é xustamente froito da loita das organizacións de mulleres. Non obstante agardo que neste foro poidamos coñecer, discutir e convir algo máis sobre o futuro de Europa e a participación das mulleres na súa construcción, na convicción de que o que está en xogo, unha vez máis, é moi importante para as mulleres europeas, o noso campo de actuación inmediata, e para todas as mulleres.

Do mito á construcción da U.E.

Comezarei por lembrar que o nome de “Europa” ten unha orixe mítica. Europa era unha princesa, filla de Agenor, rei de Fenicia, un país asiático limítrofe ao noso continente, como relata J. L. Abellán:

“Nunha primeira ollada ás terras que constituen ambolos dous continentes a penas se perceben diferencias entre un e outro; de facto, moitos autores falan de Euroasia e na práctica as fronteiras son difíciles de delimitar. Dende un punto de vista estrictamente xeográfico, Europa é un apéndice territorial de Asia.

As diferencias de Europa coa sua orixe asiática empezan pola súa pel; a princesa é dun branco resplandecente e belísimo, característica pola que recibe o seu nome, xa que a palaba “europa” en língua fenicia significa brancura. Elo contrastou co resto dos súbditos daquel país que eran todos de pel morena, tanto polo sol que imperaba na rexión como pola raza semítica á que pertencían. A extraordinaria beleza da princesa motivou que Zeus, o deus do Olimpo, se namorase dela e se transformase en touro para raptala e levala a Creta. A búsqueda que inician os irmáns da princesa dará lugar ás primeiras fundacións europeas....

Nunha palabra, as aventuras sofridas pola princesa Europa, ao ser raptada por Zeus en forma de touro, van dar lugar ao primeiros fogares da civilización occidental, e os seus habitantes, como o era a princesa, serán homes de pel branca e dotados para artes moi diversas: vida política organizada, metalurxia, alfabeto, navegación, comercio....
A conclusión clara do mito, segundo o relator, é que Europa ten unha primeira orixe asiática da cal se foi diferenciando no tempo, ata adquirir personalidade propia”

O que a mín me interesa salientar, a propósito do mito, non é o recoñecemento da orixe asiática de Europa, nin da orixe greco-latina da civilización europea, da civilización occidental por máis que a ninguén se lle escapa que aquí están implicadas fondas reflexións sobre os límites xeográficos, culturais e mesmo raciais e que, obviamente, requerirían doutra intervención. Quizáis sí axude a comprender o que recolle o Preámbulo do proxecto de TC:
“Conscentes de que Europa é un continente portador de civilización, de que os seus habitantes, chegados en sucesivas ondas dende os tempos máis remotos, viñeron desenvolvendo os valores que suscitan o humanismo: a igualdade das persoas, a liberdade e o respeto á razón,

Coa inspiración das herdanzas culturais, relixiosas e humanistas de Europa, cuxos valores, ainda presentes no seu patrimonio, fixeron arraigar na vida da sociedade o lugar primordial da persoa e os seus dereitos inviolabels e inalienabels, así como o respeto do Dereito”.

Quixera chamar a atención sobre o que podemos tirar do mito, e dicer, sobre o rapto de Europa. A construcción do futuro é, a máis de complexo, apasionante e ilusionante e, dende esta perspectiva, a Unión Europea pode ser atractiva, isto é, se a vemos como o desenvolvemento dun goberno transnacional, como unha organización da vida política, da cidadanía, que levanta fronteiras pacíficamente, se a vemos como unha oportunidade para acadar a igualdade, a liberdade, a xustiza, a solidariedade e a paz. Agora ben a bela princesa semella estar raptada polo novo Zeus, o poder económico. A súa herdanza é, por unha banda, pesada ( o seu pasado colonial) e, por outra (a cultura, a civilización, o ser europeo), non se pode entender nin gardar como unha peza de museos. E os irmáns que andan á súa búsqueda parecen máis preocupados por converterse nunha potencia económica, mesmo militar, mundial, e no reparto entre eles, que por construir e fundar unha Unión Europea con personalidade propia. O rapto de Europa tamén nos afecta ás mulleres. Hai que pensar e actuar sobre o futuro que queremos, pasar do mito de Europa a construila.

II. Cidadanía das mulleres: participación e representación.

Coa recente ampliación e co proxecto de Tratado de Constitución como telón de fondo moitas son as preguntas que xorden, en xeral, a respeito da construcción dunha Unión Europea, apuntando aos problemas políticos: toma de decisións, rendición de contas, burocracia e alonxamento, dificultade de información, posibel debilitamento das cámaras lexislativas estatais pero non dos executivos, carta fundacional..... O que comezou sendo unha comunidade económica ¿estase a converter realmente nunha estructura política nova, que nos embarca na construcción dunha cidadanía europea, dunha identidade política e cultural común, baixo o lema de unha “unión na diversidade”? ou simplemente estamos asistindo e/ou contribuindo ao nacemento dunha potencia mundial . Outras interrogantes xorden sobre ¿cal é a especificidade do ser europeo? ou ¿ata onde chegan ou han chegar os seus límites xeográficos ou de ampliación da Unión?. A Unión Europea ¿Ten algo de novo ou é todo xa vello e sabido?. Eu vou limitarme aquí ao proxecto de constitución da UE e sobre todo a presentar unhas reflexións ao teor do que considero máis relevante atendendo á “filosofía” que destila o texto e dende a atención á igualdade de homes e mulleres, ou dende a perspectiva de xénero, si se prefire. A cuestión de fondo é ¿que cidadanía queremos conseguir as mulleres a nivel europeo?

No prefacio do proxecto de TC sinalase que, seguindo a Declaración de Laeken do 2001, o que se persegue é “achegar aos cidadáns ao proxecto europeo e ás institucións europeas” máis, como dicia, a respeito do proxecto semella que aínda falta moito para acadalo, e que se está a proceder “dende arriba” e moi pouco “dende abaixo”, sen unha ampla participación da cidadanía e con grande descoñecemento do texto. Tamén se indica que tentase converter “nun modelo na nova organización do mundo”. E no Preámbulo sosténse a “certeza de que os pobos de Europa, sen deixar de sentirse orgullosos da súa identidade e da súa historia nacional, están resoltos a superar as súas antigas divisisións e, cada vez máis estreitamente unidos, a forxar un destino común”. ¿Como hai que entender isto?. Achámonos ante un fito político importante, que non adoita ser unha constituinte, pero que pretende estructurar a vida política e o espazo político europeo e que quere tamén aumentar a democracia, a transparencia e a eficacia na UE, estanse a poñer as bases da cidadanía europea, e unha vez máis estase a determinar quen é e quen non é cidadán, as condicións da cidadanía plena, de aí que as mulleres teñamos que atender e incidir activamente neste proceso.

Na proposta de Carta Mundial das mulleres sinalase que se “inspira nas iniciativas que se están instrumentando no mundo enteiro para transformar as relacións sociais predominantes na actualidade” e como ben salienta “non contén, sen embargo, ningún xeito de emprego”, cada un e cada unha terá que adaptala a súa propia situación, a nosa cuestión é pois ¿cales son as nosas iniciativas para transformar as relacións sociais e políticas predominantes na U.E.? , non obstante aínda voando sen instruccións, ou precisamente por elo, algo podemos dicir e facer.

A Carta Mundial das Mulleres fundase nos valores de igualdade, liberdade, solidariedade, xustiza e paz, valores universais pero que se consideran asimesmo valores feministas “para construir un mundo no que as mulleres gozarán de plena cidadanía” e entre outras afirmacións dise que “antes de ser compañeiras, esposas, nais e traballadoras, as mulleres son cidadáns de pleno dereito” (p.4). A consecución da cidadanía plena das mulleres é un obxectivo común. Ben é certo que polas presións sobre todo da sociedade civil e as súas organizacións é importante o feito de que a Carta de dereitos fundamentais da UE teña sido incorporada na parte II do proxecto, pois isto posibilita aos cidadáns e cidadanas europeas poder invocar a Carta ante calquera xurisdicción nacional no que se refire á aplicación das políticas europeas. Máis atendendo aos valores da Carta das mulleres e cara a ter en conta as expectativas sobre a súa cidadanía plena, constrastándoos cos valores do proxecto de TC, non semella moi xustificable a non inclusión como un valor fundamental, ao mesmo nivel que os outros, a igualdade de homes e mulleres no I.art. 2 que dí:

“A unión fundamentase nos valores de respeto á dignidade humana, liberdade, democracia, igualdade, Estado de Dereito e respeto aos dereitos humanos. Estos valores son comúns aos Estados membros nunha sociedade caracterizada polo pluralismo, a tolerancia, a xustiza, a solidariedade e a non discriminación”.

Por máis que apareza como un dos obxectivos da UE (I, art. 3), debera ser incorporado como un valor fundamental e unha competencia compartida pola UE. Convén ter en conta que a explícita referencia a igualdade de xénero no proxecto foi discutida como resultado das diversas propostas e presións das organizacións de mulleres.
Un dos aspectos máis salientables da cidadanía é o que atinxe á participación e representación das mulleres -evidentemente tamén o son as cuestións de dereitos humanos e dereitos das mulleres, entendidos como un continuum e comezando pola casa, como o son as dimensións económicas e sociais, vitais para a cidadanía das mulleres e fundamentalmente para a súa inclusión e participación como cidadáns plenas- pero non vou agora demorarme nelo e sairán noutras intervencións. Atendendo aos valores e ao seu desenvolvemento na Carta das Mulleres e constrastándoos de novo co proxecto, temos que hai un título expreso sobre a democracia na Unión, tanto participativa como representativa. Neste senso compre apuntar que non se recolle en ningún momento o equilibrio entre homes e mulleres, nada de paridade, nin na participación nin na representación. A democracia real exise a incorporación das mulleres, e hai que poñer os medios para que se faga efectiva, para que se efectivice a igualdade e a liberdade.

A este respeto basta recoller aquí, e para non extendermonos, o sustancial da Declaración da Conferencia extraordinaria da Rede de comisións parlamentarias para a Igualdade de Oportunidades de Mulleres e Homes (NCEO) do 6 de Abril de 2004 (Bruxelas) sobre “Igualdade de Xénero no Futuro de Europa”, aquí afirmase que:

“dado que a participación equilibrada de homes e mulleres na toma de decisións políticas tanto a nivel europeo como nos corpos representativos dos Estados membros é unha cuestión de xustiza social, dereitos humanos e funcionamento democrático”
“dado que a seria discriminación de xénero que persiste en todas as áreas impide o apoderamento das mulleres e a súa contribución á prosperidade e á cohesión social da U.E.”

“da a benvida a que a promoción da igualdade de mulleres e homes sexa un obxectivo da Unión no proxecto de tratado.. e que a eliminación das desigualdades e a promoción da igualdade entre homes e mulleres (gender mainstreaming Parte III:áreas políticas da Unión) sexa un obxectivo transversal da U.”

Mais fanse as seguintes precisións:

Requirese que “a igualdade, incluíndo a igualdade de mulleres e homes sexa expresamente mencionada no artigo I.2 do tratado constitucional (tamén Attac) que no Art. III. 8, paragrafo 1: o combate contra a discriminación baseada no sexo sexa codecidida polo Parlamento europeo e os Consello.

Logo afirman que “a democracia real require que as responsabilidades, poderes e direitos sexan compartidos igualmente e que en consecuencia unha representación equilibrada de homes e mulleres na toma de decisións políticas e económicas é parte do principio de democracia participativa e asegura a lexitimidade da toma de decisións”

A máis de reiterar a chamada aos gobernos dos Estados membros a que fagan efectiva a recomendación para as vindeiras eleccións europeas, e de apelar a que os 25 membros presenten unha lista de 3 candidatos nos que ambolos dous sexos estean representados para o posto de Comisionado, como foi decidido na Convención Europea, a partires de Novembro do 2004, tamén se fai un chamamento aos partidos políticos, a Declaración remata:

“Lamentando a non inclusión dun artigo no capítulo institucional do TC sobre a representación equilibrada de homes e mulleres na toma de decisións políticas nas institucións da U.E

Urxindo ao “Consello para que adopte a proposta dunha Directiva sobre igual trato de homes e mulleres no acceso e provisión de bens e servicios, tendo en conta a opinión do Parlamento Europeo, en orde a asegurar a igualdade de homes e mulleres naquelas áreas fora do emprego e a vida profesional”. Compréndese que esta Directiva ten que ver cos problemas de integración social e pobreza, e tamén refire aos servizos necesarios na vida cotidiá para poder acadar a integración plena na sociedade, sobre todo nun momento no que a tendencia neoliberal e privatizadora é moi forte na Unión.

Asimesmo requiren que a Comisión Europea faga ulteriores propostas para atender á discriminación de xénero noutros campos non cubertos pola prrposta enriba mencionada e Recomendan vivamente á Comisión e ao Consello a que se decidan a favor de crear o posto de Defensor/a Europea de igualdade de xénero e ao establecemento dun Instituto Europeo de Xénero, como xa foi requerido previamente polo Parlamento Europeo.
A máis das eivas e propostas apuntadas nesta Declaración, noutros documentos e debates sinalase que non se proporcionan as bases legais para combater todas as formas de violencia contra as mulleres e os nenos, ou se demanda que o texto empregue unha linguaxe de xénero neutral. Outras propostas (Rede Cidadanas de Europa), a máis da paridade, van na línea de crear un Observatorio de Xénero como órgano independente e encargado do seguimento das políticas de igualdade, ou da creación dunha Dirección Xeral de Igualdade directamente vencellada á Presidencia da Comisión.

Por suposto hai outro aspecto sinalado por moitas mulleres e que non se pode esquecer, que se considera fundamental para o reforzamento da democracia, nomeadamente, que a UE sexa laica.

III.Xustiza social e política e proxecto de TC Europea

Como vimos de ver a igualdade, a liberdade, a cidadanía plena das mulleres é unha cuestión de xustiza social e política, querese dicir, que o trato como iguais precisa de accións e principios que fagan posible e garantan o desenvolvemento e o exercicio das capacidades e liberdades das mulleres, o que significa que as garantías han de estaren recollidas no texto de tratado constitucional, pero tamén que as políticas económicas e sociais (fondos extructurais) respondan ás expectativas da cidadanía plena das mulleres. Máxime cando os indicadores en Europa siguen sendo negativos para as mulleres (o cuarto mundo existe en Europa), e de forma sustancial para as mulleres galegas (paro, traballo precario, non paridade salarial, pensións, seguridade social, pobreza....). En termos xerais a politica económica e social da Unión vai na línea de recortes e privatizacións, de desmantelamento da protección social e dos servizos, en aras da reducción do déficit ou da inflacción, tendo especial impacto nas vidas das mulleres. Asimesmo é unha cuestión de xustiza social e política que se recoñeza a contribución das mulleres á economía, que se considere o traballo non pago nas análises e políticas macroeconómicas, máxime cando, como sabemos, os recortes no gasto público recaen no sector doméstico ou no voluntario. De novo pode salientarse aquí que é significativo que o Dictame do Comité Económico e Social Europeo, dirixido á Conferencia Intergubernamental de setembro de 2003, sosteña que no Art. 3 da Parte I debería manterse a redacción orixinal: “un alto nivel de protección social”, tamén insiste en que na Parte III se indique máis claramente “que a política económica e monetaria debe contribuir a acadar o obxectivo de crecemento e pleno emprego”. Pero de novo nada se dí sobre ás desigualdades das mulleres, non hai no texto nin unha soa alusión.

Dito con outras palabras, e sen poder desenvolver aquí as bases da xustiza social e política, a construcción da UE, para as mulleres, pasa necesariamente por unha Europa social, pola redistribución económica, pola loita contra todas as formas de opresión (nomeadamente, as que sinala I. M. Young): explotación, marxinación, carencia de poder, violencia e imperialismo cultural).

A loita das mulleres pola igualdade, polo trato como iguais, supón combater e enfrontarse ao rapto da U.E., impedir que sexa só “unha operación de Marketing da Europa dos mercaderes”. Dende a perspectiva de o que acontece nun lado do mundo, neste caso en Europa, ten repercusións globalmente, a construcción da UE require da participación activa das mulleres nos procesos abertos e non só, obviamente, pero sí neste momento de xeito inmediato, no proxecto de TC e na política económica e social. O que supón ao meu ver tentar poñer en práctica o lema da Marcha Mundial vindeira: Da visión á acción, trátase de participar e construir o futuro e de loitar pola cidadanía que queremos.

IV. Conclusión: a axenda das mulleres europeas

A modo de conclusión só apuntar a necesidade de configurar unha axenda das mulleres europeas que agardo sexa froito deste e doutros debates e que irán facendose explícita ao longo das intervencións e discusións, en todo caso adiantaría algúns puntos a discutir:

- Incluir a igualdade de homes e mulleres como un valor no texto de TC
- Inclusión dun artigo sobre a representación e participación equilibrada entre homes e mulleres
- Laicidade
- Medidas legais e políticas para combater a violencia contra as mulleres e os nenos
- Emprego dunha linguaxe de xénero neutral
- Reforzamento das políticas sociais e económicas dende a perspectiva de xénero: acceso e provisión de bens e servizos
- Exixencia de cómputo do traballo non pago no sector doméstico
- Principio de non regresión no xa acadado e ante unha unión de 25
-Outras: acceso universal ás novas tecnoloxías da información e da comunicación, ..............................

Vaian por diante e veremos se somos capaces de discutilas, concretalas e priorizalas .