8 de Marzo de 2007
Dia Internacional das Mulleres

ELIXE: COMPARTIR OU DISCRIMINAR

As mulleres temos un papel importantísimo na economía. Realizamos a maioría do traballo que supón o coidado e a reprodución humana. Este traballo silenciado no ámbito económico, chegaría a representar entre un 15 e un 20% do PIB (Produto Interior Bruto). Un traballo que é a base do resto da produción económica e que permite, ao non estar valorado, á acumulación e o gaño capitalista. Ademais, darnos a exclusividade nas responsabilidades domésticas, serviu de escusa ao longo dos tempos, para contemplar a inclusión das mulleres no mundo laboral como algo temporal ou complementario do seu traballo natural no fogar. Iso provocou e segue mantendo, as diferencias salariais, a maior presencia feminina en sectores laborais precarizados e na economía submerxida.

Se calculáramos a cantidade de bens e servizos que unha sociedade tería que xerar para cubrir o traballo da reprodución e o coidado humano veríamos que se trata dun traballo impagábel. Compartillar eses traballos é a única opción para que deixe de ser discriminatorio para as mulleres.

Tratase dunha elección simples: compartillar ou discriminar. Non se trata só dunha elección individual que afecta ás persoas que conviven xuntas ou teñen responsabilidades familiares, tratase dunha elección que abrangue tamén as estruturas económicas, sociais e políticas. Elixir entre compartillar ou discriminar, significa esquecer a acumulación de beneficios e capital a costa de condicións laborais que non permiten nin aos homes nin ás mulleres, a conciliación da vida laboral e familiar. Significa elixir políticas que invistan e afortalen no sector público, redes asistenciais e servizos que axuden a esa conciliación. Significa elixir modelos sociais (educacionais, relixiosos, de lecer, afectivos, sexuais, políticos...) de igualdade. O feminismo coloca así, a toda a sociedade nunha encrucillada onde só se poden seguir dúas direccións, a do cambio social que permita compartillar o traballo que sustenta a existencia da Humanidade, ou o camiño da perpetuación da discriminación das mulleres, onde a violencia e a pobreza coexisten co gasto sem medida, a ostentación e a depredación do planeta.

CONVOCATORIAS:

- Cee, ás 20:00 hrs, na Praza 8 de Marzo.

- Compostela, ás 20:00 hrs, na Praza 8 de Marzo.

- A Coruña, ás 20:30 hrs no Obelisco.

- Ferrol, ás 20:00 hrs, no Cantón.

- Pontevedra, ás 20:30 hrs, na Praza 8 de Marzo.

- Vigo, ás 20:00 hrs, na Praza de Portugal.






[+ info]

Coordenadora Nacional da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza

Para contactar:

[+ Info]


[Voltar]