Día Internacional contra a Violencia de Xénero 25
de Novembro de 2006 Moitas
veces temos denunciado que a violencia de xénero ten a súa orixe
na desigualdade, na construción social que fai diferentes a homes e mulleres
e nos asigna a nós, as mulleres, o papel subordinado, e aos homes, o papel
do poder.
Pero cando denunciamos isto semella que deixamos
a solución do problema da violencia de xénero para unha sociedade
futura e que as propostas para irmos avanzando son de tipo legal ou xudicial:
castigo aos maltratadores, violadores, acosadores...; leis contra a violencia
de xénero, lei de igualdade, etc. Somos conscientes de que todo isto non
é suficiente. Cando propoñemos e esiximos leis,
pretendemos que a sociedade recoñeza o problema e que as institucións
cumpran co seu papel de garantir que toda a cidadanía teña os mesmos
dereitos e obrigas. Coa esixencia do desenvolvemento das leis e a creación
de servizos asistenciais, policiais e xurídicos, pretendemos que as vítimas
de violencia teñan a atención que precisan. A esixencia de medidas
concretas en servizos fundamentais como saúde mental e ensino, a optimización
dos recursos e a ampliación de orzamentos para desenvolver as leis e novas
medidas para complementalas, son os requisitos mínimos esixíbeis
nunha sociedade democrática que non é quen de eliminar a violencia
de xénero e a desigualdade. Neste 25 de Novembro,
queremos espallar a idea do RESPECTO como un valor fundamental para rematar coa
violencia de xénero. E cando falamos de respecto non nos estamos referindo
a eses regulamentos de urbanidade tales como abrirnos a porta ou deixarnos o asento.
Falamos de algo moito máis profundo e necesario: a consideración,
a estima, o ternos en conta, a valoración das nosas opinións, aptitudes,
traballos, ideas; o respecto aos nosos desexos, ás nosas decisións.
Non para darnos a razón, non para cumprir sempre os nosos desexos, senón
simplemente para poder vivir en democracia, onde cada persoa ten o mesmo valor
que outra, non só para votar, senón para expresarnos, traballar,
estudar, equivocarnos, decidir a nosa sexualidade, as nosas amizades, a nosa propia
vida. Basta xa de tratarnos como raíñas e non
deixarnos decidir; de idolatrarnos como a deusas e desprezar a nosa forma de ser;
de querernos como a súa posesión máis prezada e pecharnos
dentro de catro paredes; de beatificarnos como a santas, sempre que esteamos dispostas
a cumprir todos os seus desexos; de mimarnos como a nenas para privarnos da nosa
capacidade de gobernar a nosa propia vida; de admirar a nosa abnegación
e seguir negándonos o pan e a sal. Non existimos,
como afirman moitas relixións, para que os homes non estiveran sos. Somos
persoas, mulleres de carne e óso, con virtudes e defectos, afectos, paixóns,
desexos, ideas,... Con razón ou sen razón, sempre, sempre, sempre,
merecemos que se nos trate con respecto. RESPECTO
ás miñas diferencias, os meus desexos, a miña sexualidade,
a miña historia, a miña capacidade de decidir, de pensar, de traballar,
de gozar, de decidir sobre a miña vida, a miña sexualidade, as miñas
amizades, sen discriminacións, sen violencia, sen estereotipos, sen sexismo,
sen machismo, ... [Ver
Convocatorias] [Ver
Cartaz] |