Que os governos que invocan os dereitos humanos, condenen todo poder político, relixioso, económico ou cultural que exerza un control sobre a vida das mulleres e das nenas e que denunciem os rexímenes que non respeiten os seus dereitos fundamentais.

Que os estados recoñezan nas súas leis e accións que todas as formas de violéncia cara ás mulleres constitúen unha violación dos dereitos humanos fundamentais e que non poden xustificarse por nengún costume, relixión, prática cultural ou poder político.

Que os estados implementen programas de acción e proxectos eficaces con recursos financeiros e medidas axeitadas para acabar coa violéncia contra as mulleres.

  • Que a ONU faga verdadeiras presións para que todos os estados ratifiquen sen reservas e apliquen os convénios e pactos relativos aos dereitos das mulleres e das crianzas.

  • Que os estados harmonizen as súas leis nacionais con:
    ·A Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
    ·A Declaración sobre Eliminación da Violéncia contra as Mulleres.
    ·A Declaración do Cairo e de Viena.
    ·A Declaración e a Plataforma de Beijing.

Que se adopten sen demora os protocolos e os mecanismos de implementación do Convénio Internacional de todas as Formas de Discriminación cara ás Mulleres e do Convénio sobre os Dereitos das Crianzas.

Que o Convénio de 1949 para a represión e a abolición da trata de seres humanos e da explotación da prostitución do próximo, inclúa un mecanismo de aplicación que teña en conta os documentos recentes, como as dúas resolucións da Asemblea Xeral da ONU (1996), respeito ao tráfico de mulleres e de nenas, e á violéncia contra das mulleres imigrantes.

Que se levanten os embargos e bloqueos decretados polas grandes poténcias en moitos países e que afectan fundamentalmente ás mulleres e ás crianzas.

Que os estados recoñezan a xurisdición da Corte Penal Internacional e subscriban as disposicións en virtude das que as violacións e as agresións sexuais constitúen especialmente crimes de guerra e crimes contra a humanidade.

Que todos os estados implementen políticas de desarmamento, tanto os que teñen armas clásicas como os que posúen armas nucleares e biolóxicas. Que todos os estados ratifiquen o convénio sobre as minas contra persoas.

10ª Que se adopte, o mais axiña posíbel, a posibilidade de dereito de asilo para as mulleres vítimas de discriminación, de persecucións sexistas ou de violéncia de xénero.

11ª Que a ONU e os estados da comunidade internacional recoñezan formalmente, no nome da igualdade de todas as persoas, que a orientación sexual non debe privar a ninguén do pleno exercício de todos os seus dereitos.

12ª Que se adopte, sen demoras, a posibilidade do dereito de asilo para as persoas vítimas de discriminación por razons da súa orientación sexual.

13ª Implantación en todos os estados dunha lei de bases e de estratéxias de cara á eliminación da pobreza.

14ª Aplicación urxente de medidas como o imposto Tobim (gravar cunha taxa de entre o 0'1% ao 0'5% cada transacción especulativa). Investimento do 0'7% do Produto Nacional Bruto dos países ricos en axuda aos países en vías de desenvolvimento. Financiamento adecuado e democratización dos programas da ONU imprescindíbeis para a defensa dos dereitos fundamentais das mulleres e crianzas como UNIFEM (programa para as mulleres), PNUD ( programa para o desenvolvimento) e UNICEF ( programa para a infáncia). Finalización imediata dos programas de axuste estrutural e o fin das compresións e recortes dos orzamentos sociais e dos servicios públicos.

15ª Anulación da dévida de todos os países do Terceiro Mundo, tendo en conta princípios de responsabilidade, transparéncia da información e imputabilidade.

16ª Aplicación da fórmula 20/20 entre os países doadores e os países receptores da axuda internacional ( que o 20% da axuda recibida e o 20% dos gastos do estado que recibe a axuda, se destinen a garantir o aceso universal aos servicios sociais de base).

17ª Unha organización política mundial, non monolítica, dotada de autoridade sobre a economía, cunha representatividade equitativa e democrática entre todos os países da Terra ( para garantir a paridade entre países pobres e ricos) e con representatividade paritária entre homes e mulleres.