Por
iniciativa da Federación de Mulleres do Quebeque, mais de 3.500 organizacións
en todo o mundo levamos, desde o ano 2000, desenvolvendo actividades ao redor
duns obxectivos comúns. Os obxectivos da Marcha son loitar contra a pobreza
e a violéncia de xénero.
Na
actualidade 1.300 millóns de persoas no mundo son pobres, destas, 7 de
cada 10 son mulleres. Mais de 840 millóns de persoas adultas son analfabetas,
destas, as duas terceiras partes son mulleres. As mulleres e as nenas son vítimas
de todo tipo de violéncia no mundo, non só en tempos de guerra,
senon a diário e en todos os continentes, vítimas de violacións,
amputacións xenitais, obrigadas a ocultar o seu corpo ou a espilo e vendelo,
condenadas a morrer de fame ou enfermedades, elas e as suas crianzas.
Pretendemos
que a nosa voz, xunto á de todas as mulleres, se escoite en todas partes
con as reivindicacións e proxectos dun mundo máis xusto e en igualdade.
Recoñecendo
a variedade e pluralismo do movimento feminista mundial, as actividades da Marcha,
teñem en cada lugar do planeta as suas características específicas
e de desenvolvimento.
Como se está a desenvolver a Marcha Mundial
na Galiza?
Somos
36 organizacións as que conformamos a Coordenadora
Nacional da Marcha na Galiza.
Ainda
tendo diferencias nos campos de actuación e sectores sociais e ideolóxicos
aos que representamos, unennos os obxectivos da Marcha: a luita contra a pobreza
e contra a violéncia de xénero. Unha loita que na Galiza pasa por
medidas concretas e efectivas que nós sintetizamos nunha TÁBOA REIVINDICATIVA
que vai guiar todas as actuacións da Coordenadora Galega e nos vai permitir
negociar e esixir ás distintas instituiçons, a sua concretizaçom
real.
A
táboa reivindicativa da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza, xurde dunha
reflexon colectiva das 36 organizacións que conformamos a Coordenadora
Nacional que, analisando a situación das mulleres na sociedade galega,
concluímos que:
Na
Galiza a feminización da pobreza, da marginación e da precariedade
laboral, é un feito real. As mulleres somos maioría no paro, con
case dez pontos de diferencia a respeito dos homes. As mulheres somos a maioria
das asinantes dos contratos en precário, na economía submerxida,
nos sectores laborais con menos salário, a maioría das pessoas que
cobran a RISGA (Renda de Integración Social Galega), concretamente o 80%.
Moitos
sectores industriais e laborais que empregan maioritariamente mulleres ( conserva,
téxtil, alimentación, hostelería, limpeza ), abusan dos contratos
a tempo parcial e temporais. Especialmente a indústria téxtil consegue
os seus benefícios amparándose na economía submerxida desenvolvida
en pequenas cooperativas e obradoiros. A maiores, todas estas indústrias
ameazan constantemente ás suas empregadas co despido se intentan reivindicar
os seus dereitos. As mulheres empregadas no serviço doméstico tenhem
pior situaçom : simplesmente nom tenhem direitos laborais.
As
mulheres labregas non son iguais ante a lei. Discrimínaselles no aceso
á titulariedade das explotacións agrárias e sofren en primeiro
plano as políticas de limitación da produción impostas pola
Unión Europea. As mulleres mariscadoras, que representan o 87% deste sector,
ven como a legislación do marisqueio as discrimina por non ter en conta
a realidade concreta dos distintos colectivos, por exemplo, à hora de marcar
as cotizacións que lles permitan o aceso ás prestacións sociais
que como traballadoras lles pertencen.
Mentres
o 22% da población galega, maiormente mulleres, vive en situación
de pobreza relativa, segundo o informe do Valedor do Povo, os Bancos e Caixas
en Galiza, gañaron unha média de 143 millóns ao día,
ao longo de 1999. Exactamente 52.480 milhons de pesetas de benefícios netos.
O
traballo doméstico segue a ser desenvolvido por nós case exclusivamente.
As cargas familiares aumentan a nosa xornada laboral e mentres as escolas infantís
na Galiza só dan atendido ao 2% das crianzas menores de 3 anos, contamos
só con un tercio das prazas xeriátricas recomendadas pola Organización
Mundial da Saúde e a axuda a domicílio para a atención de
persoas doentes ou con minusvalías é case inexistente.
Nas
mulleres mozas, menores de 30 anos, os índices de paro elévanse
ao 25% do total do desemprego e nos medios urbanos aumenta considerábelmente
o seu número nas bolsas de pobreza. Ademais diso sofren nos centros de
ensino unha educación sexista e discriminatória reflectida tanto
nos libros de texto como na utilización do tempo e dos espacios, ou na
perpetuación de roles de xénero e actitudes machistas dentro do
espacio escolar. Para a maioría das mulleres novas non existe o dereito
á educación sexual. Os medios de comunicación presionan as
mulleres novas cos seus estereótipos de muller á moda, que triunfa
pola aceptación que dela fan os homes, axustándose a unha imaxen
que nada ten a ver con a pluralidade de imaxes que representamos as mulleres.
A pobreza
ten unha expressión moito mais agudizada nos colectivos das mulleres imigrantes,
das mulleres en prisión, e nas mulleres xitanas. As redes de tráfico
de imigrantes no noso país, comercian con mulleres para explotalas como
prostitutas, que en moitas ocasións son retidas contra da sua vontade aplicándolles
a maiores todo tipo de vexacións e malos tratos. Estas mulleres encóntranse
cunha situación legal de total desamparo. As mulleres xitanas ademais de
ver excluída a sua cultura da sociedade, sofren racismo.
As
mulheres presas pertencen ás capas sociais máis desfavorecidas,
o 60% son xitanas. En prisión, moitos dos seus dereitos fundamentais son
violados, mesmo poden chegar a sofrer agresións físicas. Se son
drogodependentes ou son VIH positivas, non teñen os coidados que precisarían,
nen xeringas para evitar novas infeccións. As mulleres presas con crianzas,
ven como se aplica sobre elas o mesmo tipo de réximen carcerário.
Moitas veces teñen que cumprir condena lonxe das famílias e do seu
lugar de orixen porque a maioría dos cárceres carecen de instalacións
adecuadas para atendelas.
Das
mulleres emigrantes que retornan á Galiza só un 25% encontra traballo.
Sofren ademais dificuldades de integración derivadas de longos espacios
de permanéncia noutros países, lonxe do medio familiar e social.
As
mulleres con discapacidades seguen enfrentándose a todo tipo de barreiras
que lles cuestionan a diário os seus dereitos e integración social.
A
rede sanitária pública non está a garantir os nosos dereitos
sexuais e reprodutivos. A obxeción de conciéncia e a falta de medios
materiais e humanos, repercuten seriamente na saúde das mulleres que non
teñem posibilidades de botar mao da medicina privada.
A
maternidade segue a ser condicionada para nós. Cando non se trata de embarazos
non desexados nunhas mulleres, sobre todo en adolescentes, son a falta de medios
económicos e apoio social o que decide a outras mulleres a fecharse ao
seu desexo de ser nais.
As
casas de acollida son hoxe por hoxe a saída única de moitas mulleres
que, vítimas da violéncia de xénero, ven a sua vida e á
das suas crianzas ameazada. As denúncias aumentaron un 75%, mais as mulleres
seguimos estando moi desprotexidas frente aos nosos agresores e os medios dos
que se dispón nas casas de acollida non fam real a integración laboral
e o apoio psicolóxico e social das usuárias.
Dun
xeito especialmente duro discrimina e estigmatiza a nosa sociedade ás lesbianas.
Invisíbeis, sen dereitos fundamentais recoñecidos, sofren discriminación
na escola, na família, no mundo laboral e son ocultadas na história
e na cultura.
Hai
moitas cousas que as mulleres que participamos na Marcha na Galiza, queremos mudar,
na nosa saúde, na nosa vida familiar, afectiva e sexual , na nosa vida
laboral, na sociedade en geral.
Queremos
denunciar as políticas económicas e sociais que están a provocar
a actual situación das mulleres no mundo e na Galiza en particular. Estamos
dispostas xunto ao resto das mulleres do mundo a cambiar o rumo desta situación.