INFORMATIVOS
Campaña en solidariedade coas persoas detidas en Oaxaca (México)
Dolores Villalobos, encarcerada, visitou Galicia en maio participando na Mobilización Europea da Marcha Mundial das Mulleres

Aínda que chegadas de lonxe, detrás das noticias sempre hai nomes propios. Entre as persoas detidas e encarceradas o pasado 14 de setembro na cidade de Oaxaca, México, atópase Dolores Villalobos. Esta muller indíxena, integrante do Consello Popular de Oaxaca-Ricardo Flores Magón (CIPO-RFM), participou o pasado 22 de maio na Mobilización Europea da Marcha Mundial das Mulleres, celebrada en Vigo. Agora ven de constituirse un grupo de apoio que recolle sinaturas e fondos en Galicia para liberar a Dolores e ao resto dos detidos.

Desde o pasado mes de abril centos de persoas levaban acampando diante do Governo Civil do Estado de Oaxaca esixindo xustiza para as comunidades indíxenas. Entre outros motivos, a medida quería denunciar os ataques paramilitares a estas comunidades. O pasado 14 de setembro ás seis da mañán as persoas acampadas foron desaloxadas nunha acción na que a policia utilizou gases lacrimóxenos e bombas aturdidoras. Catorce persoas foron levadas a prisión, das cales sete sairon nos seguintes días tras o pago de fianzas. A Comisión Interamericana de Direitos Humanos está xa informada dos feitos.

Entre as persoas que continuan en prisión e incomunicadas atópase Dolores Villalobos, do Consello Indíxena Popular de Oaxaca. Precisamente esta muller visitou recentemente Galicia, dentro dunha xira polo Estado, na que deu a coñecer a problemática que os levou a acampar permanentemente diante do Governo Civil. Entre as súas reivindicacións, o desmantelamento dos grupos paramilitares mexicanos, a solución aos conflitos agrarios, o cumprimentos de compromisos como auga, luz e escolas nas comunidades e a paralización dos procesos penais contra integrantes do CIPO. Na súa viaxe, Dolores Villalobos participou activamente na multitudinaria mobilización europea da Marcha Mundial das Mulleres, celebrada en Vigo o 22 de maio deste ano.

O grupo de apoio constituído en Vigo inmediatamente despois das detencións leva xa dúas semanas desenvolvendo unha campaña de recollida de sinaturas e fondos para conseguir a liberación dos indíxenas. O seu obxectivo é sensibilizar á povoación galega e dar a coñecer unha loita pacífica, a indíxena en México, que está ser reprimida con violencia e cárcere. Neste caso, segundo os seus integrantes, vense especialmente motivados ao ter convivido estreitamente con Dolores Villalobos na súa recente visita a Galicia e coñecer de primeira man a situación que se vive nas comunidades indíxenas.

Pódese obter máis información en: http://www.nodo50.org/cipo/home.htm

Arantxa Estévez
[Outubro, 2004]

Coordenadora Nacional da Marcha Mundial das Mulleres

Voltar à Agenda da Marcha
Voltar a Novas da Marcha



Marcha Mundial das Mulheres na Galiza Galiza