BOLETIM INFORMATIVO
Coordenadora Nacional
da Marcha Mundial das Mulheres na Galiza
Fevereiro-2004
Ano II
nº 7


8 de Março
Dia Internacional das Mulheres
DIFERENTES SIM, DESIGUAIS NOM
MARCHA COM NÓS!


. Comunicado da manifestaçom do 15 de Fevereiro
Lido por Carmen Barrantes da Asociación Liberanza de Compostela
Manifestaçom celebrada em Compostela o 15 de Fevereiro de 2004, contra a violência de Género, baixo o lema de: A VIOLÊNCIA TEM GÉNERO, TAMBÉM TEM CÚMPLICES
. Fotografias da Manifestaçom Nacional do 15-F
[Ligaçom com GalizaIndymedia.org para ver as fotografias da manifestaçom do 15-F]
. Informaçom sobre a Convocatória do 8 de Março deste ano
[Ligaçom com o Boletim nº6]

A VIOLENCIA TEN CÓMPLICES

Hoxe 15 de febreiro, estamos aquí para berrar unha vez máis que nós combatemos a violencia machista, que combatemos as desigualdades ás que nos vemos sometidas as mulleres, e que polo tanto, non nos conformamos con políticas de propaganda, nin coas medidas illadas e pouco significativas dos gobernos do PP.

Todas coñecemos exemplos de situacións cotiás onde se encobren e se xustifican as agresións machistas, aínda así, conscientes de que non podemos nomealas todas, imos lembrar algunhas que aconteceron nos últimos meses:
· Manuel Fraga asocia publicamente as situacións de violencia machista á defensa do “amor libre” e aos avances nos dereitos das mulleres, como fixo no caso da agresión sexual do alcalde de Toques a unha menor. Non nos sorprende demasiado, Fraga procede dun sistema político que negaba ás mulleres o dereito á anticoncepción, ao divorcio, ao voto, etc..., e non nos sorprende que exprese con claridade o que en realidade pensa: que a violencia de xénero é unha invención das feministas, e que se as mulleres sufrimos unha agresión é porque algo fariamos para merecela.
· A Conferencia Episcopal Española, en sintonía con Manuel Fraga, tamén sitúa a raíz da violencia machista nos avances dos dereitos das mulleres. Esta Conferencia Episcopal está máis preocupada por ditar o que ten que suceder nas nosas camas e nos nosos úteros, que polas consecuencias que o seu discurso, cheo de desprezo cara ás mulleres e as persoas homosexuais, leva producindo ao longo das xeracións que obrigatoriamente tiveron e teñen que ser educadas na súa doutrina. Tampouco lle preocupan as consecuencias para a saúde pública que teñen as súas directrices, como as relacionadas co uso do preservativo no caso de África e o VIH.
E nós preguntamos por qué as voces críticas dentro da Igrexa son sistematicamente silenciadas. Cal é a razon para que mentres a sociedade celebra as conquistas e avances nos dereitos das mulleres, na estrutura eclesiástica se afianzan os integrismos que relacionan estes avances coa lacra da violencia de xénero, que eles mesmos coa súa misoxinia están alimentando.
· Diferentes sentenzas xudiciais poñen en dúbida a gravidade das agresións machistas, e nelas culpabilízase ás mulleres agredidas. Un xulgado da Coruña absolve a un rapaz de Laxe dun delito de abusos sexuais a unha compañeira de instituto, argumentando que era “inexplicábel” que a rapaza non denunciara nunca as agresións anteriores que sufrira por parte do mesmo rapaz. No resto do estado absolven a un agresor porque a muller non responde “ao perfil de muller maltratada”, un home que degolou a súa compañeira é posto en liberdade porque non supón ningún perigo, xa que non pode volver a cometer outra vez o mesmo asasinato, tampouco se lle retira a custodia da súa filla...
· Nesta mesma cidade o Alcalde Sánchez Bugallo e a Concelleira da Muller Adelaida Negreira, utilizan os medios de comunicación para desprezar e atacar as organizacións de mulleres que facemos valer os nosos dereitos de participación na achega de alternativas e solucións aos nosos problemas. Utilizan a mentira para desprestixiar un servizo específico de atención ás mulleres que sofren a violencia. A Casa de Acollida de Santiago foi mercantilizada en prol dunha política de desigualdade e de redistribución tradicional dos roles de mulleres e homes.
· Ao mesmo tempo que se fan estas declaracións claramente misóxinas teñen lugar graves agresións machistas: as mulleres desaparecidas e asasinadas de Cidade Juárez en México, os asasinatos de varias mulleres e unha nena no estado, as últimas agresións sexuais contra varias mulleres en Ourense e en Compostela, as detencións o mesmo día de tres agresores no Concello de Oleiros, as sentenzas condenatorias de dous alcaldes por agresións sexuais e por acoso sexual, respectivamente.
Despois de lembrar estes feitos que pertencen á realidade social de todas as mulleres, queremos pola nosa parte mandar as nosas propias mensaxes:
. O Amor non é a tortura, nin a humillación, nin a chantaxe, nin a obediencia, nin a sumisión...
. A sexualidade non é a maternidade, nin a humillación, nin a chantaxe, nin a imposición...
. A violencia de xénero, a violencia masculina contra as mulleres, non é un problema DAS mulleres, senón que é un problema PARA as mulleres.
. A violencia machista, de xénero, non é unha invención das feministas, é un problema da cultura patriarcal; son as normas desta cultura as que propician, permiten e perpetúan a súa existencia.

Antes de rematar este acto e como coñecedoras das dificultades polas que pasamos todas as mulleres superviventes das agresións machistas, a Marcha Mundial das Mulleres quere esixir aos partidos políticos, diante destas próximas eleccións, un compromiso firme e real para a aprobación de medidas globais; un compromiso coa participación do movemento feminista na elaboración destas medidas; un compromiso que non quede nas últimas páxinas das axendas políticas, dada a gravidade da violencia contra as mulleres e con orzamentos adecuados que fagan posíbel a transformación social que implica unha vida sen violencia.


Ligaçom com GalizaIndymedia.org para ver as fotografias da manifestaçom do 15-F.
[VER COLLAGE DE FOTOGRAFIAS]

ÍNDICE




[Índice dos Boletíns Informativos Galegos]
[Ìndice Boletins de Ligaçom Internacional]
MARCHA MUNDIAL DAS MULHERES NA GALIZA
MARCHA MUNDIAL INTERNACIONAL